Dous acordos entre o Concello e as comunidades de montes de Salcedo e Marcón, que inclúe a cesión gratuíta de terreos en favor da administración municipal, permitirá acometer novas actuacións nos campos de fútbol de ambas as parroquias.
Tras longas negociacións entre ambas as partes, o novo campo de Salcedo, que será posto a disposición dos seus usuarios nos próximos días, contará cun amplo aparcadoiro, mentres que no de Marcón desbloquearase o proxecto para renovar a súa iluminación.
Así o avanzou este xoves a portavoz do goberno municipal, Eva Vilaverde, que deu conta dos detalles destas dúas cesións de terreos aprobadas polos comuneiros.
No caso de Salcedo, a comunidade de montes cederá 18.852 metros cadrados máis de terreo, elevando a superficie destinada a esta esperada infraestrutura deportiva até os 37.537 metros cadrados.
Estarán repartidos entre os 24.537 metros cadrados de superficie para o campo de fútbol, os 7.355 metros para o futuro aparcadoiro, que terá 250 prazas, e os 5.660 metros cadrados para os camiños de acceso.
O proxecto para o futuro aparcadoiro precisará dun proxecto específico que iniciará a súa tramitación unha vez que se formalizou oficialmente esta cesión, que se realiza por tempo indefinido, segundo o acordo alcanzado por ambas as partes.
Pola súa banda, a cesión aprobada polos comuneiros de Marcón, segundo Vilaverde, desbloqueará un problema "que vén de moitos anos atrás" e resolverá un problema "histórico", a falta de mantemento no campo municipal do Carrasco.
O Concello pasará a xestionar os 10.672 metros cadrados de todo este complexo deportivo durante os próximos 25 anos, polo que xa poderá realizar as actuacións previstas.
O primeiro obxectivo será mellorar a iluminación desta infraestrutura deportiva, iniciándose os trámites para esta actuación "o antes posible", subliñou a portavoz municipal.