O campus creará un centro de investigación en creatividade e estuda novos graos artísticos

Pontevedra
16 de abril 2026
Actualizado: 19:06

A Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia estudarán a implantación de novas titulacións no eido artístico, especialmente as que aínda non teñen presenza no sistema universitario de Galicia

Facultade de Comunicación, no campus da Xunqueira Mónica Patxot

A Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia traballarán man a man para potenciar o campus de Pontevedra. Será reforzando a súa especialización, o denominado Campus Crea.

Para iso, o goberno galego inxectará dous millóns de euros, entre os anos 2026, 2027 e 2028, para impulsar medidas deseñadas de xeito específico para que o campus reforce as áreas de investigación, transferencia de coñecemento, docencia e gobernanza.

Así se recolle no convenio que asinaron este xoves na Casa das Campás o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o reitor, Manuel Reigosa.

"Damos o impulso definitivo para consolidar a cidade do Lérez como foco de especialización universitaria en todo o que ten que ver coa creatividade, a arte, a comunicación ou o deporte", destacou Rodríguez.

O reitor salientou a importancia dun financiamento que, "aínda que vaia directamente para o campus de especialización, servirá a todo o campus", posto que contribuirá a "ter máis talento e máis proxectos de investigación".

Sinatura do convenio entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia polo Campus CreaXunta de Galicia

Unha das principais apostas neste eido será a creación dun centro ou instituto de investigación en creatividade, que actúe como nodo de referencia para todo o campus.

Así mesmo, darase prioridade á contratación de dez investigadores pre e posdoutorais e á incorporación doutros tres de alto nivel a través de programas como o Ramón y Cajal. 

Igualmente, promoverase a captación de fondos nas convocatorias competitivas. 

No que atinxe á transferencia, impulsarase o desenvolvemento de proxectos con empresas, institucións culturais e entidades sociais que contribúan a estreitar a relación do campus co ámbito cultural galego e a darlle visibilidade no seu marco.

De forma paralela, crearanse programas de innovación e emprendemento creativo.

En relación á docencia, ambas as dúas partes comprométense a estudar a implantación de novos graos artísticos, especialmente aqueles que non están presentes no sistema universitario de Galicia, e desenvolverase un modelo docente interdisciplinar. 

Sinatura do convenio entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia polo Campus CreaXunta de Galicia

Na actualidade o Campus Crea está integrado polas facultades de Belas Artes, Comunicación, Deseño e Ciencias da Educación e do Deporte, cun total de 2.000 alumnos, o 64% dos que ten a Universidade de Vigo en Pontevedra.

Nel impártense dezasete títulos, entre graos, mestrados e doutoramentos; co apoio de 200 docentes e investigadores. Conta con doce grupos de investigación, que captaron nos últimos anos máis de 660.000 euros.