No campus empregan máis a IA para uso persoal que académico

Pontevedra
01 de xullo 2026

Unha investigación da Universidade de Vigo detecta limitacións no pensamento crítico do estudantado para identificar os nesgos de xénero e de contido nestas tecnoloxías

Sara Torres desenvolveu un estudo sobre IA no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 DUVI - Universidade de Vigo

O estudantado da Universidade de Vigo utiliza en maior medida a intelixencia artificial (IA) xerativa para fins persoais e de ocio que para actividades de carácter académico.

Esta é unha das conclusións do estudo de investigación titulado Intelixencia artificial no ámbito universitario. Análise de xénero nos usos, motivacións, consideracións éticas e percepción dos nesgos, elaborado pola profesora Sara Torres, da Facultade de Dirección e Xestión Pública do campus de Pontevedra.

O traballo, desenvolvido con 687 estudantes de doce titulacións dos tres campus da institución académica, dos cales o 62% son mulleres, realizouse no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, promovida en conxunto pola universidade e a Deputación de Pontevedra.

Segundo os datos obtidos, preto do 80% do alumnado recorre a estas ferramentas con frecuencia na súa esfera persoal, mentres que arredor da metade dos enquisados declarou non utilizalas nunca ou case nunca no eido académico.

A análise constata unha infrautilización das posibilidades pedagóxicas destas tecnoloxías na contorna de aprendizaxe. Cando o estudantado aplica a IA ás súas tarefas académicas, faino principalmente para labores de apoio básico, como a procura rápida de información, a elaboración de resumos ou a xeración de ideas.

Pola contra, máis do 50% dos participantes sinalou que non emprega a IA para tarefas de maior elaboración como a corrección gramatical, a tradución de textos, a creación de contidos ou a práctica de linguas estranxeiras.

A dirección do estudo conclúe que estas ferramentas operan maioritariamente como un método para aforrar tempo e non como un elemento de aprendizaxe autónoma ou de fomento da creatividade.

O informe tamén sinala diferenzas de comportamento e percepción segundo o sexo e a área de coñecemento, sendo este último o factor con maior capacidade para predicir o tipo de uso que realiza o alumnado. Así, as estudantes amosan unha maior utilización da IA para xerar ideas, mentres que os alumnos aplícana máis na análise de datos, o soporte de programación e a xeración de códigos informáticos.

Do mesmo xeito, o 78% das alumnas amosou preocupación por recibir información incorrecta ou por que o profesorado detecte o uso destas tecnoloxías, unhas porcentaxes que superan nun 10% ás rexistradas entre os homes.

O grao de alfabetización dixital do estudantado amosa limitacións no apartado ético. A maior parte do alumnado non percibe que os modelos de IA poden reproducir desigualdades, incluídas as de xénero.

A opción "non sei/non respondo" foi a máis repetida nas preguntas relativas aos nesgos, e un total de 217 estudantes manifestou que os procesos executados por estas ferramentas son neutros e imparciais.

Entre as persoas que si identificaron condicionantes nas ferramentas, os elementos máis sinalados foron os ligados ao idioma, a idade, o xénero e variables étnicas ou de clase.

Para completar o diagnóstico, realizáronse entrevistas a seis docentes universitarios. Este sector sinalou que a comunidade educativa debe adoptar a tecnoloxía, pero apuntou que os estudantes carecen de competencias críticas básicas para localizar fallos no sistema e identificar os nesgos da información que obteñen.

Os resultados deste proxecto integraranse nunha publicación colectiva coordinada pola universidade polaca de Kielce, onde se recollerá a necesidade de deseñar protocolos institucionais específicos e estratexias de formación para xestionar o impacto destas tecnoloxías no espazo universitario.