Até 150 prazas cada mes. Esa será a oferta da primeira edición do campus musical Vila de Sanxenxo, que organizará a Banda de Música de Sanxenxo en colaboración coa concellaría de Educación a través da escola de música.
O prazo de inscrición para os participantes comezará este xoves 1 de maio e estará aberto até o próximo día 31.
O campus levará a cabo no auditorio Emilia Pardo Bazán durante os meses de xullo e agosto, en horario de oito e media da mañá a dúas e media da tarde.
O programa dividirase por quincenas e cada unha terá unha temática diferente, para dar a coñecer distintas épocas e estilos musicais.
As actividades están deseñadas para fomentar o compañeirismo e o traballo en equipo. Tamén haberá tempo para xogos tradicionais e actividades deportivas, onde o esforzo individual verase recompensado no equipo.
En canto ao prezo, variará en función de se é alumno da escola de música de Sanxenxo ou externo, por quincena, de 150 a 175 euros; por mes, de 220 ou 250 euros e os dous meses, de 400 a 450 euros.
O campamento estará dirixido a mozos de entre seis e quince anos, estudantes de música, así como a nenos sen coñecementos musicais previos. Dentro de cada nivel, impartiranse tanto clases individuais como colectivas, dirixidas por profesores con titulación superior.
Trátase dunha proposta diferenciada que busca ensinar sobre música e, ao mesmo tempo, fomentar a interacción social a través de actividades grupales, tradicionais e deportivas.
A oferta de conciliación en Sanxenxo conta ademais co Plan Concilia e con outra vertente, a deportiva, coa que o Concello colabora cedendo as instalacións e asumindo a limpeza.
Até sete campus das distintas disciplinas deportivas como balonmán, baloncesto e fútbol, celebraranse este verán no municipio nos campos de fútbol de Baltar de Arriba, O Revel e Noalla, así como nos pavillóns de Vilalonga, Baltar e Nantes.