Canadá suspende as tarefas de procura dos desaparecidos do Villa de Pitanxo tras 36 horas de rastrexo "exhaustivo"

Marín
17 de febreiro 2022

Todos os labores suspendéronse á 16.00 hora local de Canadá e implicaron a "un número significativo de aeronaves e embarcacións" que peitearon 900 millas náuticas. Pechada a procura, "será entregado á policía como un caso de persoas desaparecidas no mar"

O Joint Rescue Coordination Center (JRCC) Halifax coordina a operación de salvamento marítimo en Canadá
O Joint Rescue Coordination Center (JRCC) Halifax coordina a operación de salvamento marítimo en Canadá / Salvamento Marítimo

Ás 22.20 horas da noite deste mércores, hora española, o Centro de Coordinación de Rescate de Halifax de Canadá anunciou oficialmente que suspendía as tarefas de procura nas augas de Terranova para localizar á tripulación do Villa de Pitanxo. 

Tal e como anunciou o servizo de Salvamento Marítimo canadense, todos os labores na zona suspendéronse á 16.00 hora local de Canadá "despois dos resultados da procura exhaustiva realizada".

As tarefas de procura permitiron localizar tres sobreviventes e nove cadáveres da tripulación do buque con sede en Marín, pero aínda quedan sen localizar 12 mariñeiros que permanecen desaparecidos.

A busca prolongouse durante 36 horas e as autoridades canadenses indican que implicaron a "un número significativo de aeronaves e embarcacións". A procura cubría, segundo confirman a nivel oficial, 900 millas náuticas, tendo como epicentro o punto do afundimento do buque marinense, a 250 millas (460 quilómetros) ao surestre de Terranova.

Unha vez que a procura se deu por concluída, "o caso agora será entregado á policía como un caso de persoas desaparecidas no mar"

Coas familias de todos estes desaparecidos tivo unhas palabras de agarimo o Centro de Coordinación de Rescate de Halifax, que a través de Twitter mostrou "os nosos máis sinceros pensamentos e condolencias" coas familias, os amigos e toda a comunidade destas persoas. 

O Centro Nacional de Coordinación de Salvamento Marítimo con sede en Madrid, que estivo coodinando con Halifax desde o primeiro momento, deu conta de que este mércores, segundo día tras o afundimento, as tarefas de procura realizábanse nunhas condicións complicadas, cun vento de compoñente oeste de 25 nós e con ondas de entre 6 e 7 metros, "o que dificulta as operacións", sinalaba. 

A procura comezou unha vez que ás 5.24 horas da madrugada do luns ao martes hora española en Madrid saltaron dúas alertas desde o Villa de Pitanxo e, tras a xestión infrutuosa de contactar co buque, deuse o aviso aos pesqueiros españois que había na zona e ás autoridades canadenses.