A decisión de Canadá de suspender a procura dos doce desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova non gustou en Galicia. Cada vez son máis as voces que esixen que estas tarefas non se deteñan, polo menos polo momento.
Desde a Xunta de Galicia xa trasladaron ás autoridades canadenses a súa petición para que os traballos de rescate se retomen "polo menos 24 horas máis", segundo explicou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.
"Espero que nos dean unha resposta positiva", sinalou Núñez Feijóo, que tamén contactou co executivo español para facerlles chegar esa mesma demanda.
Suspender esta procura "de forma abrupta", segundo o dirixente autonómico, cando había a "expectativa" de mantelo polo menos un día máis, "é moi difícil de explicar, en primeiro lugar para as familias".
Tras recoñecer que estes traballos non estaban a ser fáciles polas condicións de mar, que son "moi complicadas", o titular da Xunta reiterou que "hai moitos corpos desaparecidos" e esa circunstancia, engadiu, "merece polo menos un último esforzo".
A esta petición sumouse tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que lembrou que as familias viven unha situación "desesperada", polo que non debe quedar "ningunha dúbida" de que se fixo "todo o que era posible" por atopar aos desaparecidos.
"É importante para as familias poder recuperar os corpos porque dar unha despedida é algo importante neste momento", subliñou Pontón.