Cancelan a carreira de parrulos de goma do Surfing the Lérez ante as críticas polos danos ambientais

Pontevedra
02 de xuño 2015

A actividade organizada pola Asociación Zona Monumental dentro das actividades previstas no festival de música espertou reaccións positivas e tamén críticas ao temer que os parrulos de goma puideran rematar en alta mar

Parrulo de goma
Parrulo de goma / Jacinta Lluch Valero

O Lérez xa non se encherá de parruliños de goma para botar carreiras ao longo do río o próximo 13 de xuño, tal e como tiña prevista a organización do Surfing the Lérez. Finalmente, decidiuse suspender esta iniciativa debido ás críticas de ecoloxistas que entendían que a "solta" destes parrulos podería provocar que os exemplares chegasen ata o mar.

Ante esta formulación, a organización do Surfing the Lérez e a Asociación de Comerciantes da Zona Monumental, que tiña previsto levar a cabo esta proposta, decidiron cancelar a actividade porque "non teñen intención de molestar a ninguén". E engaden, a través dun comunicado, que só queren utilizar os espazos da Illa das Esculturas con todo o respecto.

En todo caso a organización sinala que haberá numerosos xogos populares para os nenos e que se instalará unha carpa para a comida, que nesta edición se realizará a través dunha empresa.

SEN BOTELLÓN

Dende a organización do festival de música no que actuarán grupos como Lost Acapulco, Guadalupe Plata ou Wyoming & Los Insolventes, tamén alertan de que non queren que se celebren "botellóns" con motivo desta cita. Insisten en que ao tratarse dun festival de entrada gratuíta, os únicos beneficios que obtén a organización se derivan da venda de comida e bebida no recinto e engaden que, en anos anteriores, o espazo quedou moi sucio debido aos restos dos botellóns que algúns mozos realizaron con motivo dos concertos.

Nesta ocasión, no Surfing the Lérez actuarán 12 grupos, ademais de Cantos da Taberna e dous Djs.