'Cantos de Taberna' e 'Aquí cántase' volven dous anos despois

Pontevedra
06 de maio 2022

Dous anos houbo que agardar para que a situación sanitaria permitise celebrar dúas citas asentadas no calendario festivo do Concello de Pontevedra e que contan con gran apoio popular: 'Cantos de Taberna' e 'Aquí cántase'. Maio, xuño e agosto serán os meses onde se desenvolvan os dous eventos abertos a todos os públicos

A concelleira de Festas, Carmen Dasilva (no centro) acompañada dos integrantes da Asociación Cultural Maravallada, Mari Luz Rodríguez e Manolo Espiño Diana Eiras

Dous anos houbo que agardar para que a situación sanitaria permitise celebrar dúas citas asentadas no calendario festivo do Concello de Pontevedra e que contan con gran apoio popular: 'Cantos de Taberna' e 'Aquí cántase'.

Maio, xuño e agosto serán os meses onde se desenvolvan os dous eventos abertos a todos os públicos e que inclúen xornadas de ensaios.

Este venres ofrecían os detalles a concelleira de Festas, Carmen Dasilva, acompañada de dous integrantes da Asociación Cultural Maravallada, a encargada de organizar ambas citas co canto tradicional: Manolo Espiño, o presidente do colectivo, e Mari Luz Rodríguez, a secretaria.

Todos insistían en que non se necesita ter coñecementos previos musicais, nin tampouco unha gran voz. Do que se trata é de xuntarse persoas de diferentes xeracións, cantando ao unísono, compartindo, divertíndose e devolvendo a vida a diferentes espazos da cidade, ao tempo que se recupera unha tradición que, no caso dos cantos de taberna, os organizadores sitúan a súa perda nos anos 60 do século XX.

Nestes dous últimos anos, por causa da pandemia só se celebrou o evento 'Aquí cántase' nun encontro na praza da Ferrería, pero sen ensaios previos nin toda a preparación e implicación da veciñanza que traerá a edición deste ano.

CANTOS DE TABERNA

As xuntanzas de ‘Cantos de Taberna’ continuarán afondando nunha actividade tan festiva e espontánea como é a de cantar polas distintas tabernas da cidade. "Coma sempre dixemos, non se trata de cantar ben, senón de ter gana de cantar e pasalo ben", lembra a edil de Festas, que tamén fai fincapé no obxectivo de manter a tradición cultural e social de cantar en compañía.

Para esta edición, están programadas dúas rutas en maio e xuño, unha por mes, entre as 21:00 ás 00:00 horas. A primeira sesión, que se celebrará no último venres do mes de maio, o día 27, será ás 21:00 horas no bar NASA e ás 22:30 no Pavero. A segunda, xa en xuño, celebrarase no Americano ás 21:00 e na Navarra ás 22:30.

A idea é que, se a meteoroloxía o permite, a xente se poida reunir e cantar no espazo exterior das tabernas. Os Escaravellos será o grupo convidado na primeira sesión.

AQUÍ CÁNTASE

A cita máis multitudinaria será ‘Aquí Cántase’, como se demostrou nas edicións anteriores á pandemia. A idea deste ano é recuperar ese lecer e esa festividade que logran os cantos populares na rúa e nas prazas como puntos de encontro e de expresión popular.

Un total de catro prazas da cidade acollerán o 12 de agosto catro recitais de cinco cancións diferentes en cada espazo, ata acadar as 20 que compoñen o repertorio deste ano, onde de novo o músico Anxo Xesteira encargarase da dirección. Estes espazos serán as prazas da Ferrería, Curros Enríquez e A Leña, na zona diante do Museo, e a rúa Chariño fronte ao Teatro Principal.

Ao igual que noutras ocasións, a asociación de música tradicional Maravallada invita á veciñanza pontevedresa a participar neste encontro case único en Galicia, onde só teñen coñecemento de que se manteña este costume en dúas localidades. É o caso de 'Vilaxoán Canta' e a 'Xira de Cedeira'.

Previamente hai convocados catro ensaios en dous centros culturais da cidade, para os que non é necesaria a inscrición previa, só achegarse nas datas fixadas. No Centro Cultural O Gorgullón celebraranse de 20:00 a 21.30 horas, os días 19 e 26 de maio e 2 e 30 de xuño. No mesmo horario, o Centro Cultural O Burgo acollerá os ensaios os días 18 e 25 de maio e 1 e 29 de xuño. A maiores, o 3 de agosto realizarase un ensaio xeral no Burgo.

Tanto se se acode aos ensaios como se non, todo aquel que queira cantar só terá que pasar por algunha das prazas citadas o 12 de agosto, o venres que abre as Festas da Peregrina, que neste 2022 se celebran tardías, ao caer o segundo domingo de agosto en día 14. Serán repartidas as letras das cancións entre os asistentes e tamén haberá códigos QR en varios puntos das prazas para poder descargar as mesmas letras no móbil.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora