Carabuxeira, Silgar, Baltar, Caneliñas e Punta Vicaño están vixiados polos "Sentinelas do Mar"

Sanxenxo
08 de agosto 2022

Un total de 15 mozos, de entre 18 e 27 anos, procedentes de distintos puntos de España, participan no campo de voluntariado ambiental

Un total de 15 mozos participan no campo de traballo "Sentinelas do Mar" Concello de Sanxenxo

Carabuxeira, Silgar, Punta Vicaño, Baltar e Caneliñas son obxectivo estes días do grupo "Sentinelas do Mar", un campo de voluntariado centrado no coidado ambiental, localización de residuos e recollida dos mesmos en embarcacións tipo kaiak e táboas de pádel surf. 

A actividade enmárcase dentro dos campamentos que realiza a Xunta de Galicia a través da área de Xuventude, Participación e Voluntariado e que, por primeira vez, realízase en Sanxenxo. En total son 15 mozos, de entre 18 e 27 anos, procedentes de distintos puntos de España, os que participan neste campo que deu comezo este sábado e estenderase ata o vindeiro martes, 16 de agosto.

O concelleiro de Deportes, Xuventude e Servizos Sociais, Daniel Arousa, recibiu aos mozos e monitores este luns na Casa de Don Fernando para darlles a benvida ao municipio, agradecerlles o seu labor e convidarlles a coñecer o concello.

O director do campo, Xabi López, sinalou que "tratarase de poñer en valor o patrimonio natural deste concello que xa é líder en bandeiras azuis e ten moito camiño andado". Realizaranse campañas de sensibilización e intervencións nas praias máis próximas ao pavillón de Baltar que é onde se están aloxando. "Faise nestas praias porque non queremos usar medios de transporte convencionais e son as que nos quedan máis preto para poder ir camiñando", explicou.

Entre as actividades máis rechamantes será a da inspección dos fondos mariños de Punta Vicaño a través dun dron acuático durante a tarde do mércores, entre as 16:30 e 19:30 horas. O dron permitirá coñecer o estado dos fondos e se é preciso actuar, colocaránselle uns brazos que posibilitará retirar residuos.