Carballedo, Tenorio e Cerdedo terán ludotecas nos meses de xullo e agosto

Cerdedo Cotobade
27 de maio 2025

O prazo de inscrición establécese do 2 ao 19 de xuño e está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos para facilitar a conciliación laboral e familiar

Ludoteca de verán en Cerdedo-Cotobade
Ludoteca de verán en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou unha nova edición do programa "Concilia Verán 2025".

Esta iniciativa facilita a conciliación laboral e familiar e consistirá en tres ludotecas, en Carballedo, Tenorio e Cerdedo, durante os meses de xullo e agosto para nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. 

Nas pasadas edicións uns 240 nenos participaron desta iniciativa ao longo destes meses de verán.

Esta actividade conta coa colaboración económica do Concello, o Ministerio de Igualdade a través do Plan Corresponsables e a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

O prezo por neno e mes é de 40 euros (non fraccionables).

As tres ludotecas están orientadas a rapaces de 4 a 12 anos. 

O prazo de matrícula é do 2 ao 19 de xuño. Na inscripción nas ludotecas darase prioridade aos rapaces empadroados no municipio. A matrícula pode formalizarse na OMIX de Carballedo ou no Departamento de Servizos Sociais da sede administrativa de Cerdedo.

As ludotecas de Cotobade desenvolveranse os meses de xullo e agosto, de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas (con posibilidade de comezar media hora antes para facilitar a conciliación) e terán lugar no edificio multiusos de Carballedo e no CEIP de Tenorio, mentres que a de Cerdedo será no pavillón municipal e contará co mesmo horario. 

Na súa programación mestúranse actividades lúdicas e educativas que pretenden impulsar os xogos, a creatividade, o deporte, o reforzo do uso das linguas galega e inglesa, o traballo colaborativo e en grupo, a educación en valores e os hábitos saudables.

Para elo, organizaranse xogos novos e tradicionais, competicións, actividades interactivas e psicomotrices, obradoiros, animación á lectura, xogos de pistas, saídas e roteiros pola contorna para coñecer e poñer en valor a natureza e o patrimonio etnográfico, a procura do tesouro, festa da auga, obradoiros de cociña, pintura, barro, experimentos, papiroflexia, maquillaxes, contacontos, teatro, etc.