Cáritas Pontevedra alerta: aumenta a soidade non desexada entre persoas sen fogar e colectivos vulnerables

Pontevedra
09 de xullo 2026
Actualizado: 13:40

Este próximo sábado 11 de xullo Cáritas disporá dunha carpa información na contorna do Mosteiro de Lérez

Integrantes de Cáritas Interparroquial de Pontevedra Cáritas

Cáritas Interparroquial de Pontevedra sinala catro grandes retos ante a exclusión social: atención ás necesidades básicas, vivenda, emprego e a soidade non desexada. Así o sinala na memoria de actividade do último exercicio, durante o que atenderon a 1.908 persoas en situación de vulnerabilidade.

A cifra máis elevada que mostra corresponde a intervencións de acompañamento fronte á soidade e elévase a 13.405. Juan Carlos Abeigón, director de Cáritas Interparroquial de Pontevedra, indica que "a pobreza non é só a falta de ingresos. Cada vez vemos con máis frecuencia situacións marcadas pola soidade, a falta de vivenda, a incerteza administrativa ou a ausencia de redes de apoio".

Nesta liña de prestacións, o Centro de Atención Social Continuada San Roque atendeu a 550 persoas durante o ano pasado, ofrecendo espazo de acollida, escoita e acompañamento.

Cáritas desenvolve tamén programas específicos de terapia grupal para persoas con problemas de alcoholismo que están orientados a fomentar a recuperación e a integración social.

A carencia de vivenda é outro dos factores de exclusión e neste ámbito, o albergue San Javier rexistrou 9.394 pernoctas, cunha ocupación media do 91%. Ademais, a vivenda de transición Fernando III e a vivenda de acollida La Seca aloxaron temporalmente a dez familias, un total de 29 persoas.

Persoas migrantes e colectivos en risco de exclusión foron os principais demandantes de axudas directas destinadas a alimentación, farmacia, produtos infantís, orientación xurídica, roupa ou apoio a familias en situacións de emerxencia. Estas axudas para necesidades básicas aproxímanse a mil.

Abeigón lembra que a actividade de Cáritas en Pontevedra mantense grazas á implicación de persoas voluntarias, administracións públicas, empresas colaboradoras e cidadáns que apoian o seu labor. No que refire ás entidades públicas, renovouse o convenio co Concello para o financiamento do albergue de San Javier. Conta cunha achega anual de 55.000 euros até 2027.

Apela á poboación "a seguir construíndo unha Pontevedra máis solidaria e comprometida. Detrás de cada persoa atendida hai unha oportunidade para demostrar que ninguén debe quedar atrás. Convidamos a coñecer o noso labor e a colaborar, xa sexa a través do voluntariado, doazóns ou simplemente prestando atención a quen moitas veces pasan desapercibidos".

Ademais de presentar os resultados da súa actividade durante 2025, para dar visibilidade á súa actividade Cáritas Interparroquial de Pontevedra disporá este sábado 11 de xullo dunha carpa na contorna do Mosteiro de San Benito de Lérez.

Alí ofrecerase información sobre "as distintas realidades de exclusión presentes no municipio e mostrar como a colaboración cidadá pode contribuír a transformar vidas".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora