"Dende o BNG non se vai consentir nin un paso atrás". Este foi, este venres, o aviso a navegantes de Carme da Silva, cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra nas próximas eleccións xerais. Diante da Audiencia Provincial, e apoiada por un grupo de mulleres con cargos políticos e institucionais, militantes e simpatizantes do partido, deu a coñecer as propostas da súa formación na loita contra a violencia machista.
O paquete de medidas urxentes do BNG está liderado por unha proposta que consideran xa "irrenunciable", a creación dun xulgado exclusivo de violencia de xénero en Pontevedra, por iso é polo que o acto deste venres se realizou, precisamente, diante da Audiencia.
Así, sinalou que hai un xulgado específico, mais non exclusivo, e "precisamos a especificidade e a exclusividade necesaria para que todas as vítimas teñan o trato xudicial que é imprescindible".
A candidata nacionalista amosouse contundente no seu rexeitamento á violencia machista e presentou o seu partido como a garantía de ter no Congreso dos Deputados un dique de contención contra a dereita do PP, que "de ganchete coa extrema dereita de Vox", pretende, "borrar ás mulleres e instaurar na sociedade que a violencia machista non existe".
Baixo a atenta mirada das súas compañeiras nacionalistas, insistiu en que as mulleres "estamos fartas de minutos de silencio" e de que os asasinatos machistas sexan un suceso nas noticias e non van quedar paradas ante os "ventos malos" que sopran na actualidade da man da dereita e a ultradereita, que nega a violencia machista.
"A violencia machista é real, mata mulleres e non podemos consentir", insistiu Da Silva, que inclúe nesa paquete de medidas urxentes incrementar a transferencia dos fondos estatais destinados ao cumprimento do Pacto de Estado contra a violencia machista, que "non ten en conta as características galegas".
En Pontevedra, por exemplo, recibíronse só 36 céntimos por habitante, que "non responden ás características da nosa poboación, dispersa, na que son precisos máis fondos".
As medidas do BNG inclúen tamén a introdución do termo ‘feminicidio’ que xa existe na lexislación galega tamén na lexislación española e que se impulse un Estatuto da Vítima de Feminicidio.