Carme da Silva propón frear o "timo verde" dos proxectos eólicos cun grupo galego forte no Congreso

Pontevedra
16 de xullo 2023

A cabeza de lista do Bloque por Pontevedra defendeu no Local Social do Gorgullón que a enerxía galega reverta na poboación de Galicia en lugar de usar o territorio como 'colonia enerxética' de Madrid como, segundo afirma,  fan PP e PSOE da man das empresas eléctricas

Carme da Silva, do BNG, con representantes de colectivos ecoloxistas BNG

Carme da Silva, cabeza de lista do BNG por Pontevedra ao Congreso dos Deputados, mantivo un encontro con colectivos ecoloxistas, comunidades de montes e asociacións veciñais no Local Social do Gorgullón en Pontevedra para tratar as cuestións relacionadas coa instalación de parques eólicos nos montes da provincia.

A representante nacionalista afirma que é necesario parar o "timo verde" dos proxectos eólicos en Galicia e que a enerxía galega reverta en beneficio para a poboación de Galicia. Acusou o PP e o PSOE de utilizar o territorio como unha "colonia enerxética" de Madrid da man das empresas eléctricas.

Por este motivo, pediu o voto para o BNG coa intención de crear un grupo forte no Parlamento que permita frear o "espolio depredador" que pretende instalar 11.500 megawatts novos en terra de Galicia, cando na actualidade xa hai 4.000. 

Da Silva sinala que a formación nacionalista loitará na Cámara Baixa para recuperar a exposición pública dos proxectos e a participación social, ademais de defender unha planificación das necesidades de enerxía que ten Galicia coa idea de que se reinvista o beneficio.