A senadora do BNG, Carme da Silva, levou á Cámara Alta unha batería de iniciativas nas que reclama ao Goberno do Estado unha actuación integral na estrada N-541 ao seu paso por Cerdedo Cotobade, co obxectivo de reducir a sinistralidade e mellorar a seguridade das persoas usuarias.
A proposta xorde tras unha reunión con representantes nacionalistas da zona, onde se puxo sobre a mesa a preocupación crecente pola situación da estrada.
Da Silva asegura que "estamos ante unha das vías máis perigosas do Estado, cun trazado sinuoso, moito tráfico pesado e numerosos puntos negros que levan anos sen solución".
A senadora lembrou, ademais, episodios recentes que evidencian a gravidade do problema, como o accidente mortal da Noiteboa de 2022 ou o atropelo rexistrado en Calvelo.
A representante do BNG cargou contra o que considera unha falta de compromiso por parte do Executivo estatal. Segundo denunciou, as intervencións realizadas até agora "son claramente insuficientes" e responden a unha estratexia de actuacións puntuais que non resolve as deficiencias de fondo.
Tamén cualificou de "inadmisible" que o Ministerio de Transportes negue a existencia de tramos de concentración de accidentes como argumento para evitar obras de maior calado.
Fronte a esta situación, o BNG aposta por unha reforma integral da N-541. Entre as medidas propostas destaca a realización dunha auditoría completa de seguridade viaria que permita identificar todos os puntos de risco e planificar unha intervención global.
A partir dese diagnóstico, a formación nacionalista formula actuacións concretas como a renovación do firme con materiais antiescorregadizos, a corrección das curvas máis perigosas ou a implantación de medidas para reducir a velocidade na entrada ao núcleo de Cerdedo.
Tamén reclaman a construción dunha pasarela peonil en Calvelo, acompañada dun carril de incorporación no quilómetro 84 en dirección a Ourense, así como a mellora da contorna da marquesiña e a creación dunha vía ciclista e peonil até o río Tenorio.
Outras actuacións pasan pola construción dun paso inferior en Tenorio que conecte o centro de saúde coa farmacia, a mellora dos accesos en distintos puntos do municipio e o reforzo da iluminación en treitos especialmente perigosos, como os que discorren entre Viascón e A Longa ou entre Pedre e Cerdedo.
Ademais, a proposta inclúe adaptar a estrada ao seu paso polos núcleos de poboación, como Calvelo, Tenorio ou Santa María de Sacos, e poñer en funcionamento luminarias xa instaladas, xunto coa incorporación de novos puntos de luz en zonas críticas.
"Non falamos de grandes investimentos, senón de actuacións asumibles que poden salvar vidas", subliñou Da Silva, quen instou o Goberno a abandonar a inacción e dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Cerdedo Cotobade.