Carmela Silva critica o "trilerismo político" da Xunta ao implicar a outras administracións nun plan de axudas á hostalería sen consultalo antes

Pontevedra
15 de xaneiro 2021

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou de "trileirismo político" o anuncio do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, de poñer en marcha un plan de axudas á hostalería, similar ao modelo Valencia, que permita habilitar un Fondo de cooperación financiado polo Goberno galego, as deputacións e os  concellos  

Carmela Silva, presidenta da Deputación Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou de "trilerismo político" o anuncio do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, de poñer en marcha un plan de axudas á hostalería, similar ao modelo Valencia, que permita habilitar un fondo de cooperación financiado polo goberno galego, as deputacións e os concellos.

Respondendo as preguntas dos xornalistas no transcurso dunha rolda de prensa, Carmela Silva sinalou este venres que o vicepresidente da Xunta "xoga de farol" porque non informou dos seus plans ao resto de administracións implicadas neste "proxecto pantasma". 

Carmela Silva esixiu "respecto aos sectores produtivos que o están pasando certamente mal".

A mandataria provincial considera que o goberno que preside Alberto Núñez Feijóo, "que usa ao vicepresidente como o trileiro maior do reino", funciona "sen ningún tipo de rigor" e que "só reacciona de maneira improvisada cando ten á xente na rúa" criticando que "sen falar con ninguén, sen chamar a ninguén, sen estratexia de cooperación e con total deslealdade institucional" anuncie diante dos medios un "suposto" plan de axudas ao sector no que se implica aos concellos e as deputacións.

"É dicir, ao mesmo mundo local ao que desprezou durante todo un ano, ao que non quixo recibir, ao que non deu nin unha soa resposta aos seus chamamentos de colaboración" por parte das deputacións, concellos e a Fegamp "agora di a Xunta que lles quere obrigar a colaborar", afirmou Carmela Silva.

A presidenta da Deputación lembrou o "esforzo sobrehumano" que fixeron todos os concellos da provincia e a propia administración provincial para achegar axudas aos sectores produtivos afectados pola crise "cos escasos recursos que temos" e "sen recibir nin un só euro nin do Goberno do Estado nin da Xunta".

A presidenta da Deputación de Pontevedra insistiu en que a Xunta recibiu 1.193 millóns de euros de prestacións sociais desde o inicio da pandemia polo que se pregunta "onde meteron o diñeiro?". 

"A Xunta foi unha administración ausente", sentenza Silva. "É un escándalo". "Para que nos serve este goberno autonómico?", engadiu tras lembrar que a Xunta ten a competencia nesta materia e os recursos ordinarios e extraordinarios.

Finalmente esixiu á Xunta "que destine xa" a estes sectores afectados pola crise 120 millóns do seu orzamento "unha parte nimia" ou, na súa falta, que poña en mans dos concellos esa cantidade para que sexan eles os que repartan esas axudas.