Carmela Silva pide á Xunta que poña en marcha proxectos industriais "paralizados e comprometidos desde hai tempo"

Pontevedra
10 de marzo 2023

A presidenta da Deputación lembra que "en cada período electoral veñen a prometernos chan industrial e nunca se fai". Aproveitando que actualmente hai outra época electoral, en plena pre campaña para as municipais, pide á Xunta: "encantaríame que en lugar de anunciar, confirmen que os van poñer en marcha xa”

Polígono de Barro
Polígono de Barro / Concello de Barro

A presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, pediu este venres á Xunta de Galicia que retome os proxectos para crear solo industrial na provincia que ten paralizados e poña en marcha iniciativas "potentes" neste eido. 

"Gustaríame que puxeran en marcha moitos proxectos que están paralizados e comprometidos desde hai tempo", sinalou a mandataria provincial, que lembra que "en cada período electoral veñen a prometernos chan industrial e nunca se fai".

Aproveitando que actualmente hai outra época electoral, en plena pre campaña para as eleccións municipais do 28 de maio, Silva pide á Xunta: "encantaríame que en lugar de anunciar, confirmen que os van poñer en marcha xa”.

Carmela Silva realizou esta petición ao Goberno galego durante a súa comparecencia para dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno da Deputación deste venres.

Nesta reunión semanal, o Goberno provincial aprobou a adxudicación á empresa Transfrío Rías Baixas S.L. da parcela A-18 do polígono industrial Outeda-Curro de Barro.

A presidenta explicou que a adxudicación se fixo por 280.664 euros e que a elevada demanda das parcelas do polígono de Barro demostra que na provincia de Pontevedra "hai unha enorme demanda de chan industrial". Por iso é polo que fixo a súa petición á Xunta, porque "Barro está a piques de rematar coa posibilidade de ofertar solo industrial". 

Lembrou, ademais, ao Goberno galego que "aínda que non era a nosa competencia, que é da Xunta, púxose en marcha este polígono". "Gustaríame que o tiveran en conta", engadiu.