Carmela Silva reclama renovar o Pacto de Estado contra a violencia machista e "darlle as costas" a partidos "negacionistas"

Pontevedra
10 de xaneiro 2023

Os catro asasinatos machistas cos que comezou este 2023, tras un decembro tráxico con outras once mulleres que perderon a vida a mans das súas parellas, unha delas embarazada, demostran que esta lacra está aínda lonxe de ser erradicada. "Estou moi preocupada e cada día máis indignada", sinalou Carmela Silva

Carmela Silva, presidenta da Deputación Mónica Patxot

Os catro asasinatos machistas cos que comezou este 2023, tras un decembro tráxico con outras once mulleres que perderon a vida a mans das súas parellas, unha delas embarazada, demostran que esta lacra está aínda lonxe de ser erradicada.

"Estou moi preocupada e cada día máis indignada", sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que apelou a que como sociedade "temos que tomarnos moi en serio por que non avanzamos" para frear esta escalada de violencia contra as mulleres.

Chegou o momento, segundo Silva, de renovar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ao entender que o actual non está a cumprir cos seus obxectivos e que parte dos seus fondos están a dedicarse a campañas "que non teñen nada que ver" coa igualdade. 

A presidenta provincial considera "indignante" que haxa diñeiro que acabe financiando "festas", polo que esixiu fiscalizar o destino destes fondos e que sexan "finalistas", vinculándose con proxectos concretos e con obxectivos "moi claros".

Todas as accións incluídas neste pacto de estado, subliñou Carmela Silva, deben estar encamiñadas a que as mulleres que sofren as violencias machistas "teñan os recursos necesarios para saír desa espiral de terror" e apoiar aos colectivos que as axudan.

O obxectivo debe ser, engadiu Silva, que tras liberarse do seu maltratador teñan unha rede de protección que impida que "entren nun círculo de indefensión", para o que se necesita un acordo social e político "máis potente" e que conte con máis recursos.

Todas as administracións públicas, segundo sinalou a titular do goberno provincial, deben situar no centro da súa actividade política a loita contra as violencias machistas e a promoción da igualdade, algo que "non está a acontecer".

Extremadamente crítica, pola súa banda, mostrouse a presidenta pontevedresa cos partidos "negacionistas" da violencia machista, aos que como sociedade pediu "darlles as costas" e tomar decisións "moi serias" sobre este tipo de discursos.

Ademais, fixo un chamamento aos medios de comunicación para que sitúen no foco "ao asasino e ao maltratador", porque asegura que "é indignante" comprobar o pouco espazo que algúns lles dan a este tipo de casos. "Se en vez de catro mulleres foran outro tipo de asasinatos estarían horas e horas coa noticia", sentenciou.