Carmela Silva sinala a Smartpeme coma un "servizo estratéxico" da Deputación

Pontevedra
16 de xuño 2020

A presidenta da Deputación subliñou na súa visita á sede de Pontevedra "o espectacular salto de participación on line" cos programas da rede durante a crise da Covid19 e avanzou novas liñas de apoio ao impulso económico

Carmela Silva nunha reunión cos responsables do Smartpeme
Carmela Silva nunha reunión cos responsables do Smartpeme /

"A rede Smartpeme estase a converter nunha rede pioneira, unha grande referencia no asesoramento en novas tecnoloxías, na que cada vez máis xente está fidelizada". Con estas palabras, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Ana Mejías, enxalzou o programa provincial Smartpeme na súa visita á sede de Pontevedra.

Na súa intervención, a presidenta provincial subliñou que este servizo "vai crecendo de maneira exponencial e así o demostran os datos que manexamos".

Neste eido, a presidenta da Deputación amosouse especialmente impresionada polos datos que se recompilaron durante o confinamento, desescalada e nova normalidade. Así, Silva sinalou que "é extraordinario, e deberíanos facer reflexionar, que prestamos 899 asesoramentos a través de ferramentas de videoconferencia, correo electrónico e teléfono a 484 empresas da provincia".

Tamén referíndose aos meses de confinamento, a través do programa Smartpeme realizouse unha webinar con José María O’Kean "que foi un gran proxecto", púxose en marcha o proxecto Covid Makers Smartpeme "co que se ofrecía asesoramento a esa comunidade maker que fabricou material sanitario a través da impresión 3D", e tamén se iniciou a I Edición do programa de aceleración de empresas do comercio.

En canto aos datos concretos da sede de Pontevedra, dende o ano 2016 que botou a andar esta iniciativa, realizáronse 2.071 asesoramentos a 1.381 empresas e 230 talleres de formación aos que asistiron 2.045 persoas. Ademais, durante o plan de continxencia Covid fixéronse 138 asesoramentos a 79 empresas e, en canto a TurisTIC, "un sector coma o turismo que é fundamental na provincia", realizáronse 199 asesoramentos a 150 empresas.