A Deputación amplía a súa aposta pola rede SmartPeme e destinará preto de 1,2 millóns de euros

Pontevedra
06 de febreiro 2021

A Deputación de Pontevedra vén de anunciar que apostará por achegar novas tecnoloxías á rede SmartPeme. Ante a demanda das empresas, pemes e persoas autónomas da provincia para o uso das TICS a presidenta provincial, Carmela Silva, confirmou que ampliarán a carteira de servizos da rede en 1.680 horas e as actividades de capacitación e divulgación en outras 3.000 horas

Xunta de Goberno da Deputación
Xunta de Goberno da Deputación / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de anunciar que apostará por achegar novas tecnoloxías á rede SmartPeme. Ante a demanda das empresas, pemes e persoas autónomas da provincia para o uso das TICS a presidenta provincial, Carmela Silva, confirmou que ampliarán a carteira de servizos da rede en 1.680 horas e as actividades de capacitación e divulgación en outras 3.000 horas.

Así mesmo, informou que debido ao impacto do Hackathon realizado en xaneiro, a Deputación de Pontevedra xa está a organizar unha nova convocatoria do "evento online vinculado á dixitalización das entidades do Terceiro Sector, que van a tomar moito protagonismo xa que se vai a apostar pola economía circular, onde este sector xoga un papel moi importante" e para a que o goberno deu luz verde a destinar preto de 1.200.000 euros e así "mellorar a actividade económica" da xente emprendedora da provincia. 

Ademais porán en marcha unha ferramenta de formación online accesible 24 horas e 365 días ao ano para as persoas usuarias da rede SmartPeme, polo que, como apuntou a presidenta, "seguimos prestando un servizo fundamental para que a dixitalización e as TICs formen parte da actividade que realizan PEMES, autónomos e autónomas e persoas emprendedoras".

Por último, dende a Deputación destacan o "incremento exponencial" no emprego das novas tecnoloxías na provincia. Así, a rede SmartPeme viu reflexada a "necesidade de formación que precisa a poboación para afacerse aos tempos que veñen acadando unhas cifras realmente extraordinarias durante o ano pasado".

En concreto, o goberno provincial presentou 2.872 asesoramentos a máis de 500 empresas, o que supuxo un 26% máis de consultas que no período anterior, e organizaron máis de 240 accións e eventos formativos aos que acudiron 5.051 persoas, un 131% máis de asistencia.

Tamén poñen en valor o protagonismo de SmartPeme durante o Estado de Alarma, período no que realizaron máis de 900 asesoramentos a 277 empresas da provincia e asistiron ás píldoras formativas online máis de 3.190 persoas. Ademais, lanzaron tres novas carteiras específicas de servizos: unha específica para o comercio, outra dirixida a entidades do Terceiro Sector e unha terceira enfocada aos concellos.