A oficina de Smartpeme de Cambados, o programa da Deputación dedicado ao asesoramento e formación de empresas no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación, rexistrou cifras de récord durante o primeiro ano de pandemia. O crecemento foi dun 69 % na asistencia aos talleres celebrados ao longo do 2020 e un avance dun 24% na actividade de consultoría. Actualmente son 264 as empresas de toda a comarca do Salnés que Smartpeme ten en carteira.
A rede de impulso tecnolóxico da Deputación, que conta con sete oficinas na provincia, mantivo unha intensa actividade durante o pasado ano e así logrou contar con 570 persoas participantes nos 29 talleres realizados para formar sobre o uso das TIC. Un crecemento extraordinario desde as 337 persoas do ano anterior.
En canto ás asesorías individualizadas sobre uso de TIC, a oficina de Cambados pechou o ano coa cifra de 500, un avance substancial sobre as 402 do exercicio anterior e que revelan tamén un uso crecente por parte das 264 empresas na carteira do programa da Deputación, que están a aproveitar as vantaxes deste servizo desde O Salnés.
A rede Smartpeme da Deputación conta con oficinas en Pontevedra, Vigo, Cambados, O Porriño, Ponteareas, Lalín e Barro, as dúas últimas vinculadas aos viveiros de empresas provinciais. Ademais, dispón dun Centro Provincial de Economía Dixital situado en Barro e especializado nas tecnoloxías máis novas e disruptivas.