Non houbo sorpresas. Carmen Hermo converteuse oficialmente este luns na nova decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A súa candidatura, a única presentada ás eleccións, recibiu o apoio maioritario da xunta de facultade, con 26 votos a favor, un en contra e cinco abstencións.
Hermo, profesora do departamento de Debuxo, estará á fronte do centro durante o próximos seis anos, acompañada dun equipo "novo e ilusionante".
Así, Carmen Lage será a nova videcana académica, Basilisa Fiestras será vicedecana de Cultura e Alumnado, José Andres Santiago será vicedecano da área de Internacional e Marcos Covelo, por último, será o secretario académico.
A nova decana asegurou que asume "con ilusión" a súa nova etapa á fronte da facultade, substituíndo a Xosé Manuel Buxán, o seu máximo responsable desde 2019.
"Non propomos grandes revolucións, pero si que son necesarios algúns cambios, cambios e propostas que atenderemos con interese e agarimo", subliñou.
Na súa intervención, Carmen Hermo sinalou as limitacións que ten a actual facultade, o antigo cuartel de San Fernando, que implican convivir nun espazo "cada vez máis pequeno e obsoleto".
Tras indicar que se trata dun edificio "incómodo" no que, segundo asegurou, "non se pode traballar ou formarse con dignidade", Hermo reivindicou a necesidade de trasladarse a un espazo novo creado especificamente para Belas Artes.
Mentres isto non sexa realidade, defendeu que será necesario que o actual edificio "se adecue e actualice ás necesidades docentes e de convivencia básica".
A este respecto, a nova decana aposta por dotar á facultade de espazos de traballo seguros, de talleres accesibles e profesionalizados, de salas dotadas de tecnoloxía axeitada e de espazos de convivencia e encontro".
Ao mesmo tempo, esta idea de convivencia levouna a pór o foco na necesidade de "buscar puntos en común" entre os diferentes colectivos que integran o centro, no que conviven persoas de "moi diferentes xeracións".
Así, a decana avogou por fomentar a participación dos diferentes colectivos nos cursos de formación sobre igualdade e convivencia e que toda a comunidade universitaria "non sexa mera espectadora" senón que sexan "axentes activos" na vida da facultade.
Carmen Hermo tamén destacou a necesidade de "transmitir orgullo pola nosa profesión" ao conxunto da comunidade do centro, poñendo de relevo que na facultade se atopa o "presente e futuro" da cultura de Galicia.
No referido á área académica, o novo equipo decanal apostará por establecer "procesos de coordinación efectivos" para optimizar a docencia e coñecer as necesidades dos distintos sectores da facultade e xerar unha comunicación interna fluída.
A idea de "escoitar á comunidade universitaria" e promover un diálogo constante foi tamén sinalada pola nova decana como un dos aspectos centrais á hora de reforzar a estratexia de internacionalización da facultade.
O seu obxectivo é que esta dea resposta a todos os niveis formativos, desde os estudos de grao e máster, até as estancias para estudantes de doutoramento e investigadoras postdoctorais, xunto coa promoción de programas internacionais para o profesorado.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.