Carmen Rodríguez, Manuela López, Urcesina Cabanelas e Teresa Prado, homenaxeadas polo 8M

Cerdedo Cotobade
07 de marzo 2026

"Co seu traballo e dedicación ao longo dos anos, contribuíron a construír e fortalecer a vida social, económica e comunitaria do municipio", afirmou o alcalde no acto institucional polo 8M

Acto institucional de Cerdedo-Cotobade co gallo do 8 de marzo
Acto institucional de Cerdedo-Cotobade co gallo do 8 de marzo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo, foi escenario do acto institucional de Cerdedo-Cotobade con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Unha xornada coa que reforzar o compromiso municipal pola igualdade recoñecendo a mulleres que contribuíron a mellorar a vida dos seus veciños.

Nesta ocasión Cerdedo-Cotobade homenaxeou catro mulleres que deixaron pegada nas súas parroquias e no conxunto do municipio.

Elas son Carmen Rodríguez Puente, Manuela López Leiro, Urcesina Cabanelas Pérez e María Teresa Prado Sueiro.

"Este recoñecemento é unha mostra do respecto e da gratitude que sentimos cara ás mulleres que, co seu traballo silencioso e constante, contribuíron a construír o noso concello e a facer máis forte a nosa comunidade", asegurou o alcalde, Jorge Cubela.

Acto institucional de Cerdedo-Cotobade con motivo del 8 de marzo
Acto institucional de Cerdedo-Cotobade con motivo do 8 de marzoConcello de Cerdedo-Cotobade

"Representan a tantas mulleres que ao longo da historia sostiveron a vida social e económica das nosas parroquias, moitas veces desde o esforzo diario e sen buscar protagonismo", engadiu.

A modo de obsequio, entregáronlles unha placa conmemorativa, un camelio procedente da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e un agasallo.

Carmen Rodríguez Puente, de San Xurxo de Sacos, foi muller emprendedora que dinamizou a contorna a través da súa sala de festas, restaurante e hostal. Manuela López Leiro, de Tenorio, é un referente do comercio local tras toda unha vida dedicada á Mercería Lita. Urcesina Cabanelas Pérez, de Aguasantas, foi propietaria dunha tenda de ultramarinos convertida durante anos en punto de encontro para a veciñanza. No caso de María Teresa Prado Sueiro, de Cerdedo, foi toda unha pioneira como condutora de autobús nun sector tradicionalmente masculinizado.

O acto contou coa colaboración da Federación de Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO), coa actuación musical da pianista Andrea García González e con detalles conmemorativos elaborados pola Asociación EVD de Muller e Discapacidade.

Acto institucional de Cerdedo-Cotobade con motivo del 8 de marzo
Acto institucional de Cerdedo-Cotobade con motivo do 8 de marzoConcello de Cerdedo-Cotobade

 

Arquivado en