Homenaxe a cinco veciñas de Poio que representan "o traballo constante, a xenerosidade e a forza"

Poio
07 de marzo 2026

Mari Carmen Pazos García, Carmen Soto Buceta, Susa Vicente Pérez, Rosalina Gómez Pereira e Magdalena Rosales Pazos foron homenaxeadas no acto central de 'Mulleres que fan Poio' con motivo do 8M

Acto central de 'Mulleres que fan Poio' co gallo do 8M
Acto central de 'Mulleres que fan Poio' co gallo do 8M / Concello de Poio

O Concello de Poio rendeu homenaxe este venres a Mari Carmen Pazos García, Carmen Soto Buceta, Susa Vicente Pérez, Rosalina Gómez Pereira e Magdalena Rosales Pazos.

Foi o acto central de 'Mulleres que fan Poio', con motivo do Día Internacional da Muller.

O acto celebrouse no Pazo Besada coa presenza do alcalde Ángel Moldes, a concelleira de Igualdade, Natividad Torres, membros da corporación, familiares e representantes dos colectivos locais.

Durante a homenaxe, o rexedor destacou a este "cinco referentes que representan o traballo constante, a xenerosidad e a forza e que contribuíron a facer de Poio un lugar mellor".

"Se o noso pobo ten presente é grazas a elas, e se ten futuro tamén polo camiño que abriron para as xeracións que veñen", asegurou Moldes.

Acto central de 'Mulleres que fan Poio' co gallo do 8M
Acto central de 'Mulleres que fan Poio' co gallo do 8MConcello de Poio

Por último, lembrou que "o feminismo non debe sentirse como unha ameaza, é simplemente a defensa da igualdade e unha oportunidade para construír unha sociedade máis xusta e libre. Porque cando avanzamos en igualdade, avanza toda a sociedade".

No acto, o xornalista Quique Morales proxectou un documental coas historias de loita, traballo e dignidade destas cinco mulleres.

A película recolle as historias destas veciñas que aprenderon "a levantarse, dicir basta cando foi necesario e a seguir adiante con valentía, usando ollos, mans, cabeza e corazón para continuar facendo vida".

Arquivado en