O Concello de Poio presenta a programación coa que conmemorará o Día Internacional da Muller.
Os actos darán comezo o venres 6 de marzo coa homenaxe 'Mulleres que fan Poio', un acto no que recoñecerán a traxectoria e o compromiso de Carmen Pazos García (San Salvador), Carmen Soto Buceta (San Xoán), Susa Vicente Pérez (Combarro), Rosalina Gómez Pereira (Samieira) e Magdalena Rosales Pazos (Raxó).
Cada unha destas cinco mulleres, respresenta unha das parroquias do municipio e foi escollida polo Consello Municipal da Muller por ser "un exemplo da súa contribución á vida social, laboral e comunitaria de Poio".
O alcalde, Ángel Moldes, subliña que no municipio "hai moitas mulleres que son exemplo de forza, de empuxe e de constancia", polo que considera importante pór en valor as súas historias de vida. "Serven para recoñecer os avances conseguidos, pero tamén para lembrar que é fundamental seguir traballando, coa implicación de toda a sociedade, por unha igualdade real, inclusiva e efectiva", destaca.
As cinco protagonistas sairán nun documental xa gravado durante estes días, no que o xornalista Quique Morales recolle algunhas das súas vivencias, opinións e recordos.
A xornada dese día completarase ás 12:00 horas cun parón institucional diante da Casa do Concello, onde as autoridades lerán o manifesto institucional do 8M, no que reivindican a igualdade como unha cuestión de democracia, dereitos humanos e xustiza social.
ACTIVIDADES NOS CENTROS EDUCATIVOS
Dentro da programación, inclúe iniciativas dirixidas ao alumnado, algo "fundamental para rachar estereotipos e avanzar cara relacións máis xustas e respectuosas", destaca Moldes.
Porán en valor referentes femininos próximos, neste caso ao cinco homenaxeadas polo 8M, para que os nenos e nenas poidan identificar na súa contorna exemplos reais de igualdade, esforzo e participación social.
Ademais, todos os centros de educación primaria do municipio recibirán a visita do contacontos musicado de Quique Mauricio, unha proposta didáctica na que combina narración oral e música en directo.
A través destas sesións, o alumnado poderá coñecer as historias de vida de Carmen Pazos, Carmen Soto, Susa Vicente, Rosalia Gómez e Magdalena Rosales, así como as súas experiencias de superación, traballo e compromiso coa comunidade.
As actividades celebraranse nos colexios de Isidora Riestra e Viñas o luns día 9; Lourido e Chancelas o mércores 11 e, por último, Espedregada o luns 16.
Ademais, no IES de Poio estiveron traballando ao longo deste curso no taller '(Deas)armando masculinidades, (Re)construíndo feminidades', unha proposta educativa que busca promover a reflexión sobre a identidade de xénero e fomentar relacións máis igualitarias entre a mocidade.
TRAXECTORIA DAS HOMENAXEADAS
Carmen Pazos García preside a Asociación de Vecinos do Vao, desde onde leva anos impulsando iniciativas para dinamizar a zona e fomentar a participación da veciñanza.
No caso de Carmen Soto Buceta, natural de San Xoán, creceu nun contexto rural marcado polo traballo no campo e as limitadas oportunidades formativas. Abriu a súa propia taberna, A Caraina, que tamén funcionou como tenda de ultramarinos de referencia para moitos veciños e veciñas, converténdose nun exemplo de traballo, solidariedade e compromiso coa comunidade.
Pola súa banda, Susa Vicente Pérez, nacida en Combarro, é a redeira máis veterana de Poio. Ao longo da súa vida compaxinou este oficio co marisqueo e transmitiu os coñecementos do traballo artesanal ás novas xeracións. Tras enviudar con 50 anos, asumiu en solitario a responsabilidade de sacar adiante á súa familia, afrontando o traballo do fogar, do campo e do mar.
Rosalina Gómez Pereira foi celadora aínda que destaca, especialmente, polo seu compromiso social unha vez xubilada, traballando de forma altruísta en numerosas iniciativas e eventos solidarios impulsados no municipio.
Por último, Magdalena Rosales Pazos, veciña de Raxó, desenvolveu unha longa vida laboral vinculada ao mar. Traballou nas bateas, nunha fábrica e como pescadera, percorrendo durante anos as rúas de Poio e formando parte da economía local tradicional.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.