Poio homenaxeará o 8M a Carmen Pazos, Carmen Soto, Susa Vicente, Rosalina Gómez e Magdalena Rosales

Poio
07 de febreiro 2026
Actualizado: 03 de marzo

O Consello Municipal da Muller escolleu a estas cinco veciñas, representantes de cada unha das parroquias, pola súa traxectoria persoal, social e laboral

Reunión do Consello Municipal da Muller de Poio
Reunión do Consello Municipal da Muller de Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio anunciou este sábado o nome das veciñas do municipio que será homenaxeadas dentro da programación do 8M, Día Internacional da Muller.

En concreto o Consello Municipal da Muller escolleu a cinco veciñas, unha por parroquia, pola súa traxectoria persoal, social e laboral.

Trátase de Carmen Pazos García (San Salvador), Carmen Soto Buceta (San Xoán), Susa Vicente Pérez (Combarro), Rosalina Gómez Pereira (Samieira) e Magdalena Rosales Pazos (Raxó).

"Estas cinco mulleres representan o compromiso silencioso e constante de tantas veciñas que contribuíron, desde ámbitos moi distintos, a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria en Poio", explicou a concelleira de Igualdade e Benestar, Natividad Torres.

A elección foi realizada polo Consello Municipal da Muller, órgano no que están representados os grupos da corporación municipal e distintos colectivos sociais de Poio.

Segundo explica o Concello no caso de Carmen Pazos García, presidenta da Asociación de Veciños O Bao, valorouse especialente o seu papel como muller forte e decidida, cunha ampla traxectoria no asociacionismo veciñal.

Carmen Soto Buceta foi unha referencia para moitos veciños de San Xoán desde a súa propia taberna, A Caraina, que se acabou convertendo nunha tenda de ultramarinos e na que se afianzou como unha persoa traballadora, solidaria e comprometida.

Susa Vicente Pérez pola súa banda é a redeira máis antiga de Poio, labor compaxinado coa de mariscadora durante moitos anos sendo transmisora dun ben artesanal ás novas xeracións.

No caso de Rosalina Gómez Pereira recoñécese a súa traxectoria profesional como celadora e, especialmente, o seu compromiso social tras xubilarse.

Por último Magdalena Rosales Pazos conta cunha longa vida laboral ligada ao mar, traballando en bateas, nunha fábrica e como pescadera percorrendo durante anos as rúas do municipio.

A homenaxe a estas cinco veciñas terá lugar o venres 6 de marzo no Pazo de Besada como parte da programación que o Concello de Poio está a elaborar para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Arquivado en