Carpa, chuvia e Calacús nunha noite máxica

Pontevedra
31 de outubro 2023

As actividades infantís e tamén de adultos recollidas na programación especial con motivo da celebración do Samaín desenvolvéronse na praza de Curros Enríquez na súa totalidade. Ante a previsión das chuvias intensas, o Concello instalou unha carpa neste espazo cun adianto de diversas propostas

Actividades da 'Noite dos Calacús' PontevedraViva

As precipitacións volveron facer acto de presenza na tarde deste martes 31 de outubro nas Rías Baixas e, por este motivo, o Concello de Pontevedra decidía desprazar todas as actividades, tanto infantís como de adultos, recollidas na programación especial da 'Noite dos Calacús' con motivo do Samaín á praza de Curros Enríquez.

A previsión incremento de choiva e vento coa chegada da noite provocou tamén que se instalase unha carpa na mesma praza do centro histórico.

O programa tivo que ser modificado co adianto de dous dos tres pasacalles previstos: o de Pablo Méndez Performance titulado 'O Día dos Mortos' estableceuse para as 21.30 horas, mentres que o de 'Dragóns', de Hípica Celta, adiantábase ás 22.15 horas.

A programación iniciábase ás 17.30 horas cun taller de creación de Calacús con maquillaxe e tatuaxes, que continuaba con historias terroríficas para escolares, con Cris de Caldas e Bea Campos.

Gramola Gominola poñía a música antes de iniciarse a sesión para adultos con novas historias de Bea Campos, Celso Sanmartín e Quico Cadaval

Todas as iniciativas desta xornada especial chea de diversión, bruxas e seres doutras dimensións foron programadas polo Concello coa colaboración do Centro Comercial Urbano Zona Monumental.