As Casas Modernistas da Illa de Arousa, unha antiga fábrica de salazón que agora é exemplo de transición enerxética

O Salnés
22 de xullo 2025

As novas instalacións de calefacción por xeotermia para esta estrutura supuxeron un investimento de 183.020,97 euros, o 80% asumido polo Goberno de España e o resto polo Concello e a Deputación

Abel Losada e Luis Arosa, nas Casas Modernistas da Illa de Arousa Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Un investimento de 183.020,97 euros fixo posible que as Casas Modernistas da Illa de Arousa dean un paso fundamental cara á eficiencia enerxética. 

Trátase dunha actuación subvencionada nun 80% con cargo ao Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE) do Goberno de España e no 20% restante polo Concello da Illa de Arousa (12.811,47 euros) e a Deputación de Pontevedra (14.641,68).

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, e o alcalde, Luís Arosa, visitaron este martes as novas instalacións de calefacción por xeotermia para estas Casas Modernistas.

As obras, que van supor un importante aforro eléctrico para o Concello, remataron nos últimos días.

O subdelegado destacou que este proxecto vincula dúas cuestións "fundamentais". Por unha banda, a transición enerxética e cuestións medioambientais, e por outra, a recuperación do patrimonio histórico-artístico e, polo tanto, a promoción turística dos territorios.

Neste caso, trátase dunha antiga fábrica de salazón e todas as instalacións anexas que foron rehabilitadas e con este proxecto logrouse "recuperar espazos, mellorar as condicións de habitabilidade e mostrar turísticamente o patrimonio" ao mesmo tempo que se garante a eficiencia enerxética e se mellora o consumo de enerxías non contaminantes.

Losada lembrou que a subvención do IDAE foi xestionada pola Deputación de Pontevedra durante o pasado mandato municipal e puxo en valor a importancia dos fondos europeos que fan posible actuacións como esta, no eido da sostibilidade medioambiental.

Ademais, insiste en que estes fondos foron "traballados e defendidos con intensidade" polo goberno de Pedro Sánchez mentres o Partido Popular, desde a oposición, "tentou sistematicamente boicotealos, aínda que agora se poñan nas fotografías cando corresponde".

O alcalde puxo o acento no aforro enerxético para o Concello, dado que ata o de agora a calefacción das Casas Modernistas, onde está o centro de maiores, a escola de música e a biblioteca, funcionaba por alimentación eléctrica convencional.

"Este inverno, deixaremos de poñer os radiadores eléctricos, de pasar frío. Por fin, teremos unha calefacción 100 % renovable", sinalou, ao tempo que lembrou que levban dous anos esperando a execución deste proxecto, iniciado pola Deputación de Carmela Silva e rematada pola institución que agora dirixe Luis López.