Case 600 persoas asisten á estrea do XantaCaldelas

Ponte Caldelas
06 de agosto 2017

O Concello puxo en marcha a comida popular como unha exaltación do reencontro e a convivencia entre veciños e emigrantes

Primeira edición do XantaCaldelas Concello de Ponte Caldelas

Un total de 561 comensais participaron na primeira edición do XantaCaldelas, a comida popular organizada polo Concello como exaltación da convivencia entre o colectivo de emigrantes e a veciñanza do municipio. A afluencia superou todas as previsións supuxo unha ocupación practicamente total da Alameda.

A idea xurdiu da proposta formulada ao goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) por parte de emigrantes que están a pasar as súas vacacións e laiábanse das dificultades para localizar aos veciños ou amigos da súa terra.

O alcalde, Andrés Díaz, celebrou que moitas das persoas asistentes chegaran en grupos, pois esa era precisamente a idea, ademais de propiciar o encontro con outras persoas nun evento pensado e concibido para a exaltación dos lazos por enriba da distancia.

Ponte Caldelas é un municipio con fortes vínculos cos países tradicionais da emigración galega, e moi especialmente con Brasil ou México, pero tamén con nacións europeas. Moitos deles retornan, especialmente durante o mes de agosto, para gozar da súa terra. Era necesario, subliñan dende o equipo de goberno, crear un evento así.