Case trescientos novos puntos de luz LED incorpóranse ao alumeado público de Poio

Poio
25 de novembro 2021

Ata 263 novas luminarias con tecnoloxía LED vén de estrear o Concello de Poio cunha actuación de eficiencia enerxética que lle permitirá reducir nun 77,8% o consumo eléctrico de todos estes puntos de luz repartidos por todo o municipio

Estrea de alumeado LED en Poio
Estrea de alumeado LED en Poio / Deputación de Pontevedra

Ata 263 novas luminarias con tecnoloxía LED vén de estrear o Concello de Poio cunha actuación de eficiencia enerxética que lle permitirá reducir nun 77,8% o consumo eléctrico de todos estes puntos de luz repartidos por todo o municipio.

Esta mellora supuxo un investimento de 78.000 euros, que foron sufragados a través dunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) que foi xestionada pola Deputación de Pontevedra.

Un dos lugares nos que se realizaron estas actuacións foi a Avenida da Barca, á que se achegaron o deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, para coñecer de preto o estado da nova iluminación. 

Ademais desta avenida, o cambio de luminarias levouse a cabo en diversos lugares como a PO-308, a PO-531, as rúas Rego, Lameiriña, Outeiriño, Pedaporta, a avenida Andurique ou o camiño de Teinogueira.

En todos eles instaláronse puntos de luz con tecnoloxía LED, máis respectuosa co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas, que ademais reducen o fluxo luminoso nas horas de menor uso.

Esta non é a única actuación que o IDAE realizou no concello, onde tamén se reduciu a pegada de carbono a través da mellora da EP-0601 Portosanto-Campelo.

Esta obra contou cun orzamento de 2.012.000 euros, dos que este organismo aportou 1,4 millóns e a Deputación de Pontevedra os 612.000 euros restantes.