Castelao defende os lombos e presenta alegacións contra a súa eliminación

Pontevedra
12 de abril 2016

Lombos si porque "conseguen un efecto que queremos todos", segundo o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, Juan Loureiro, que é a redución da sinistralidade viaria e do número de atropelos na cidade. Por iso, o colectivo presentou unha alegación contra a ordenanza de circulación que quere modificar a oposición para regular a instalación destes elementos reductores de velocidade

A Federación Castelao presenta alegacións á ordenanza de circulación Mónica Patxot

Lombos si porque "conseguen un efecto que queremos todos", segundo o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, Juan Loureiro, que é a redución da sinistralidade viaria e do número de atropelos na cidade. Por iso, o colectivo presentou unha alegación contra a ordenanza de circulación que quere modificar a oposición para regular a instalación destes elementos reductores de velocidade.

Ademais desta alegación propia, Castelao fixo entrega este martes de máis de 1.100 alegacións individuais de persoas e colectivos que se suman a esta reivindicación.

Neste documento, segundo explicou Juan Loureiro, pídese ao Concello que non se tramite esta modificación da ordenanza de circulación pola vía de urxencia e que se elimine da reforma o artigo 78 bis que regula os lombos.

"Queremos que todo continúe como ata o de agora e se hai algún que modificar, que somos conscientes de que si, que se faga", explicou o dirixente veciñal, que sinalou que en todo caso os lombos habería que adaptalos non á normativa de Fomento, senón á aprobada recentemente pola Deputación que é, apuntou, "moito máis sensible" á situación da cidade de Pontevedra.

A federación veciñal rexeita que, como marca esta reforma da ordenanza, que no prazo de dous anos se modifiquen todos os lombos para adaptalos á recomendación estatal porque iso supoñería, dixo Loureiro, un desembolso económico "moi importante" para o Concello de Pontevedra.

Ademais, a aplicación "estrita" desta ordenanza provocaría un "problema" nas beirarrúas de moitas rúas, creando unha estética "controvertida" e supoñería a desaparición destes lombos  nas estradas do rural "cando son os veciños os que os están pedindo".