A mesa de contratación do Concello de Pontevedra acordou solicitar informes a catro empresas que presentaron oferta para construír os campos de herba sintética das parroquias de Campañó e Ponte Sampaio e que se atopan en baixa temeraria.
Segundo informou o Concello, as catro empresas teñen un prazo de tres días para presentar as xustificacións, que afectan aos dous proxectos, tres nun deles e catro no outro.
No caso do proxecto de mellora do campo de Ponte Sampaio, que ten un orzamento de 1.397.120 euros, as empresas que a mesa de contratación considera que incurren en baixa temeraria son Explotacións medioambientais, Ediserpo, e a UTE integrada por E.C.Casas - Imesapi.
No caso do campo de Campañó, que ten un orzamento de licitación de 999.437,36 euros e un prazo de execución de 6 meses, repiten as mesmas tres empresas, Explotacións medioambientais, Ediserpo, e a UTE integrada por E.C.Casas - Imesapi. A maiores, tamén está en baixa temeraria a oferta de Sergonsa.