Catro meses de obras no Gorgullón para acabar co problema das inundacións

Pontevedra
22 de outubro 2014

Estes traballos, segundo explicou Raimundo González, supoñerán a renovación da rede de abastecemento de auga nesta rúa. Actuarase no Gorgullón, dende a travesía de Eduardo Pondal, e posteriormente na rúa do Muíño e conectarase a rede co colector do Gafos, río ao que irán parar as augas pluviais

Imaxes do temporal en diferentes rúas de Pontevedra Mónica Patxot

As inundacións na rúa do Gorgullón están en vía de solución. Polo menos, iso espera o Concello de Pontevedra. Ese é o obxectivo das obras que se executarán na zona durante os próximos catro meses. Investiranse 318.282,22 euros e realizaraas a empresa Viaqua, concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento en Pontevedra, con cargo ao plan de investimentos que aínda está pendente de completarse.

Estes traballos, segundo explicou Raimundo González, supoñerán a renovación da rede de abastecemento de auga nesta rúa. Na actualidade, neste punto é de fibrocemento e será substituída por canalizacións de fundición dúctil. Ademais, a rede de saneamento pasará de 315 milímetros de diámetro a 500 milímetros, mentres que a rede de pluviais se ampliará ata os 630 milímetros no Gorgullón e ata os 800 milímetros na rúa do Muíño.

Con estes cambios, o goberno municipal espera solucionar os problemas de inundacións que se producen na zona, especialmente nos días de fortes chuvias. Actuarase no Gorgullón, dende a travesía de Eduardo Pondal, e posteriormente na rúa do Muíño e conectarase a rede co colector do Gafos, río ao que irán parar as augas pluviais.

Tras destacar que "hoxe é un día de alegría" para todos os veciños do Gorgullón, Raimundo González indicou que, para comezar a obra, só falta que Viaqua presente, entre outros trámites, o plan de seguridade para estes traballos. Espérase que os operarios da empresa poidan comezar a traballar, como moi tarde, en quince días.