O Concello de Pontevedra está decidido a dar un profundo cambio a toda a zona sur da cidade, a partir do desdobramento da avenida de Vigo. Neste proxecto xa se inclúe ademais a mellora de rúas como Estación, Luís Seoane ou a propia avenida de Vigo. Pero o goberno municipal pretende ir máis aló e estuda ampliar estas reformas integrais, entre outros espazos, ao Gorgullón, Otero Pedrayo e o ámbito das estacións de tren e autobuses.
Un estudo, encargado a unha empresa especializada en arquitectura e patrimonio, propón reordenar o espazo situado entre o ámbito do río Gafos e ambas estacións e o denominado val de Tomeza. Optouse por esta fórmula externalizada debido á importancia patrimonial desta zona, pola que transita o Camiño Portugués ou a antiga vía romana XIX, o que obriga a ter un especial coidado coas actuacións que se leven a cabo.
Segundo explicou o concelleiro Luís Bará, este ambicioso plan ten o obxectivo de mellorar a seguridade vial nunha zona na que hai "moitos puntos conflictivos", eliminar as actuais barreiras arquitectónicas, facilitar a mobilidade peonil e ciclista coa recuperación de camiños históricos e tradicionais, mellorar a calidade urbana de todo este ámbito e avanzar na recuperación patrimonial e paisaxística, especialmente daqueles puntos máis degradados.
O proxecto máis avanzado é a reforma integral da rúa Gorgullón, que o goberno municipal pretende afrontar este mesmo ano. Bará explicou que, en liñas xerais, supoñerá renovar o pavimento e ampliar as beirarrúas polo lado dereito da rúa, en dirección ao centro da cidade. Virá a completar, dixo, os traballos que se estiveron realizando no barrio en materia de saneamento.
Esta é a única actuación proposta que depende exclusivamente do Concello de Pontevedra, polo que será a primeira en executarse. O resto de melloras propostas deben ser consensuadas con outras administracións como a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia ou o Ministerio de Fomento. Neste sentido, Luís Bará avanzou que o goberno municipal mostrará toda a colaboración para poder abordar estes traballos.
Este estudo propón unha reforma integral da rúa Otero Pedrayo, desde a rotonda de acceso ás estacións de tren ata a ponte do tren, que supoñería a ampliación de beirarrúas e máis espazo para os peóns, obrigando a deixar o vial cun único sentido de circulación -probablemente de saída da cidade- aproveitando a apertura do desdobramento da avenida de Vigo que terá dous carrís de entrada a Pontevedra.
Ademais, apóstase por reordenar e mellorar os espazos situados ao redor da estación de autobuses e da estación de tren buscando fórmulas para conectalas, dar continuidade á senda fluvial do Gafos ata a ponte do Couto -dando solución tamén ao poboado chabolista actual- ou crear un paso alternativo para o Camiño Portugués, aproveitando o paseo do Gafos e a senda do ferrocarril desde o camiño da Condesa, case xa en Vilaboa, ata O Marco.
O Concello de Pontevedra quere que colectivos sociais e vecinales coñezan todos estes proxectos e poidan realizar suxestións ou novas achegas. Así, convocaron a Vaipolorío, Amigos do Camiño Portugués e ás asociacións de veciños Eduardo Pondal e San Cibrán de Tomeza a unha reunión que se celebrará o vindeiro martes 3 de febreiro ás 19.30 horas no edificio administrativo de Michelena.
A intención é que no prazo de dous meses estea redactado cada un destes proxectos para remitilos ás correspondentes administracións coas que deben ser consensuados.