Catro plataformas horizontais configurarán a nova plaza Méndez Núñez de Portonovo

Sanxenxo
22 de outubro 2021

Os case 500 metros cadrados de superficie da praza Méndez Núñez, en Portonovo, terán moi pronto unha nova imaxe. A súa remodelación ten un prazo de execución de cinco meses. Nela, o goberno municipal de Sanxenxo investirá 112.849 euros

Praza Méndez Núñez de Portonovo Concello de Sanxenxo

Os case 500 metros cadrados de superficie da praza Méndez Núñez, en Portonovo, terán moi pronto unha nova imaxe. A súa remodelación ten un prazo de execución de cinco meses.

Nela, o goberno municipal de Sanxenxo investirá 112.849 euros. O 70% dese diñeiro será financiado polo Plan Hurbe da Xunta de Galicia e 30% restante, polo Concello.

A empresa Castro Figueira será a responsable desta actuación.

Esta praza, xerada polo cruzamento de tres viarios, contará con catro plataformas totalmente horizontais que conectarán de forma directa a Rúa da Marina coas vivendas e locais de restauración situados neste espazo.

Estas plataformas crearanse con muros de contención de formigón e con acabados de lastra de granito cor gris.

A actuación eliminará o tráfico no tramo que coincide coa praza, para conectar de forma directa o novo espazo horizontal coas edificacións existentes. A circulación manterase na Rúa da Marina como prolongación da travesía de Santa Catalina.

Co obxectivo de realizar unha praza agradable para a estancia e goce do espazo, haberá bancos, xerados a través do muro de contención de formigón, pequenos xardíns con céspede e flores que incluirán especies arbóreas para xerar sombras.