CC.OO. pide garantías á Deputación da continuidade dos traballadores do Parque de Maquinaria

Pontevedra
26 de outubro 2017

Piñeiro afirmou que o novo servizo da rede viaria da Deputación substituirá as actuais funcións do Parque de Maquinaria e por iso reclama que se garanta por escrito que este departamento vai continuar contando cos mesmos 88 traballadores actuais

Asamblea do Parque de Maquinaria PontevedraViva

José Ramón Piñeiro, secretario comarcal de Comisións Obreiras e José Luis García Pedrosa, secretario de organización, mostraron este xoves a súa preocupación polo expediente da contratación do servizo da rede viaria anunciado pola Deputación Provincial. Os representantes sindicais entenden que con esta medida está a executarse a privatización dos servizos do Parque de Maquinaria tal e como eles teméronse desde o inicio deste mandato.

Piñeiro afirmou que este novo servizo substituirá as actuais funcións do Parque de Maquinaria e por iso reclama que se garanta por escrito que este departamento vai continuar contando cos mesmos 88 traballadores actuais e que seguirán realizando as mesmas tarefas que na actualidade.

Desde CC.OO. entenden que se se dotase de material adecuado ás actuais instalacións, a Deputación aforraríase 33 millóns de euros, cantidade que se vai a investir nos próximos anos nos 1.700 quilómetros de vías da provincia, segundo anunciou o deputado nacionalista Uxío Benitez.

Piñeiro lamenta que o goberno da Deputación estea a manter unha tendencia privatizadora. "O Parque de Maquinaria está abocado a súa desaparición", asegurou. Pola súa banda, García Pedrosa cualificou de "sinvergüenzas políticos" a Carmela Silva e a César Mosquera por ser "traidores á causa da esquerda política de Galicia" ao levar a cabo unha potenciación dos contratos privados de servizos públicos.

José Ramón Piñeiro tamén indicou que espera que nos orzamentos do próximo ano se inclúa unha partida para a nova sede do Parque de Maquinaria xa que a concesión dos terreos que actualmente ocupa na Xunqueira de Alba finaliza en xuño de 2018.