CCOO denuncia que a empresa téxtil Bandalux se nega a pagar os atrasos salariais de 2024

O Salnés
02 de maio 2025
Actualizado: 12:55

O sindicato denuncia que esta empresa con factoría en Moraña incumpre o prazo do 30 de abril establecido no convenio sectorial mentres retén o diñeiro nas súas contas

Fábrica de Bandalux en Moraña
Fábrica de Bandalux en Moraña

O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) denuncia publicamente que a empresa téxtil Bandalux, con sede no municipio de Moraña, está a reter indebidamente os atrasos salariais correspondentes ao ano 2024 que debería ter pagado ás súas traballadoras o pasado 30 de abril, tal e como establece o Convenio da Industria Téxtil e da Confección.

Segundo afirma o sindicato, a dirección da empresa, propiedade dos irmáns Emiliano e Casián García, négase a aboar estas cantidades alegando que non pertence a ningunha asociación patronal e que non está obrigada a cumprir co convenio ata a súa publicación no BOE.

A través dun comunicado asinado por Xosé Luis García Pedrosa, secretario de comunicación de CCOO, cualifica esta situación como "un nivel de usura difícil de igualar" e unha "falta de respecto" cara ao persoal, que continúa a percibir salarios correspondentes ao ano 2023.

O sindicato sostén que a empresa está a obter rendibilidade das cantidades retidas, que deberían estar xa en mans das traballadoras.

A organización sindical sinala que, malia non ser "ningún modelo a imitar", a patronal do sector téxtil asinou un acordo tras a convocatoria de folga impulsada por CCOO.

Este acordo establece claramente, segundo García Pedrosa, que as empresas deben pagar os atrasos de 2024 o 30 de abril e os de 2025 o vindeiro 30 de xuño, con independencia de cando se publique o convenio no BOE.

Ante esta situación, Comisións Obreiras anuncia que combaterá o que considera unha "actitude miserable" por parte da dirección de Bandalux e defenderá os dereitos laborais do cadro de persoal.