CCOO e UXT denuncian a "pasividade do goberno" en políticas de igualdade

Pontevedra
08 de marzo 2018

Ambos os dous sindicatos apostaron este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, por secundar paros parciais e protagonizaron unha concentración fronte á sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Concentración de UXT e CCOO polo 8M fronte a Subdelegación do Goberno
Concentración de UXT e CCOO polo 8M fronte a Subdelegación do Goberno / PontevedraViva

Os sindicatos CCOO e UXT apostaron este xoves 8 de marzo por secundar paros parciais durante a xornada de folga laboral.

Ademais ambas as organizacións protagonizaron unha concentración de protesta, entre as 12:30 e as 13:00 horas, fronte á sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

Baixo o lema #VivasLibresUnidas 'En loita pola igualdade', os sindicatos quixeron "denunciar a pasividade do goberno en políticas de igualdade", sinalaron no seu manifesto.

"Apoiamos activamente a mobilización feminista con paros parciais contra a desigualdades, as brechas de xénero e as violencias machistas", explicaron, esixíndolle tanto ao goberno como ás empresas "medidas reais que combatan a discriminación".

UXT e CCOO convocaron durante a xornada paros de dúas horas en función das quendas de traballo, previstos de 0:00 a 2:00, de 12:00 a 14:00 e de 19:30 a 21:30 horas.