Centos de persoas participan nas manifestacións contra a LOMCE e as reválidas

Pontevedra
26 de outubro 2016

Dous actos de protesta a través das dúas Plataformas de Defensa do Ensino Público congregaron a numerosas persoas na contorna da praza da Peregrina para reclamar a derrogación da Lei de mellora da calidade do ensino

Manifestación da Plataforma polo ensino público contra a reválida Mónica Patxot

Centos de persoas déronse cita na tarde deste mércores 26 para mostrar a súa oposición á LOMCE (lei orgánica de mellora da calidade educativa) e ás reválidas.

Ás 18.00 horas saía da praza da Peregrina a marcha convocada pola Plataforma pola Defensa do Ensino Público, coa participación das centrais sindicais UXT e CC.OO., ademais dos representantes da FANPA (Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra). Rogelio Carballo, presidente deste colectivo, destaca a alta participación na xornada de folga convocada por estudantes e pais para este mércores. "Foi espectacular, estamos abraiados", afirmou sobre o consenso logrado nas aulas en contra do anacronismo das reválidas.

Segundo os datos que manexa a federación, a media de seguimento da folga en primaria é do 60% porque é máis "difícil conciliar", afirmou o presidente de FANPA. En secundaria, o seguimento foi contundente, cunha porcentaxe dun 90%. En institutos como o Sánchez Cantón, só asistiron dous alumnos a algunha das clases.

A manifestación finalizou ante a Subdelegación do Goberno onde unha alumna leu un comunicado reivindicativo do ensino público e contrario á posta en marcha da reválida. Neste acto estiveron presentes representantes políticos como o portavoz do grupo municipal socialista Tino Fernández, o portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei e a parlamentaria socialista Patricia Vilán.

Rogelio Carballo lamentou tamén que se realizasen dúas manifestacións cunha hora de diferenza para reivindicar os mesmos obxectivos xa que ás 19.00 horas tamén se concentraron os integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, con representantes de formacións nacionalistas como a CIG e o BNG con concelleiros como Carme da Silva, Carmen Fouces ou Luís Bará. Centos de persoas tamén asistiron a este outro acto de protesta, que se desenvolveu na praza da Peregrina.

As organizacións quedarán á espera do que suceda politicamente para comprobar se vai levarse a cabo algunha reconversión da LOMCE, que poida poñer fin á reválida.