Centos de toneladas de entullos aparecen nun vertedoiro incontrolado nos montes de Saiar

Umia
27 de febreiro 2020

O BNG de Caldas denuncia a aparición deste vertedoiro no parque forestal ao recibir un aviso da veciñanza de Cardín, que sinala que o tráfico de camións de gran tonelaxe é unha constante nos últimos meses. O caso xa foi posto en coñecemento dos axentes da Policía Local

Entullos en Saiar- Arquivo
Entullos en Saiar- Arquivo / BNG de Caldas

O BNG de Caldas denunciou a aparición dunha entulleira incontrolada nos montes de Saiar. Nas últimas semanas aparecían diferentes restos de entullos nunha parcela forestal con outros tipos de residuos lanzados a esta zona sen que haxa control nin autorización por parte das administracións.

A veciñanza alerta de que no lugar de Cardín, en Saiar, durante os últimos meses hai un importante tráfico de camións de gran tonelaxe cara a ese espazo. Este tránsito provoca danos nas pistas forestais e ademais van desprendéndose de entullos de camiño á entulleira ilegal.

A Policía Local de Caldas de Reis foi alertada desta situación para que realice as dilixencias oportunas para que se adopten medidas no menor tempo posible. Desde o BNG denuncian que o goberno local non realizou ningunha actuación desde que teñen coñecemento destes feitos e, segundo indica a formación nacionalista, está a tramitar un expediente de movemento de terras.

Segundo expón o portavoz municipal nacionalista Manuel Fariña mentres a Xunta de Galicia e o Seprona detectan verteduras de entullos de particulares de pequeno tamaño, neste caso no que hai "centos de toneladas", visibles mesmo a través de Google Maps, non interviñeron.