O BNG anuncia que recorrerá a sentencia pola agresión Manuel Fariña porque se xulgou como delito leve

Umia
15 de xuño 2021

Manuel Fariña reafirmouse este martes no xulgado no relato de feitos que xa fixera hai máis dun ano sobre a agresión sufrida nun monte de Saiar. Independentemente da sentenza, os nacionalistas presentarán recurso, pois entenden que "non se pode xulgar por delito leve unha agresión a un cargo público en exercicio das súas funcións"

Manuel Fariña
Manuel Fariña / BNG de Caldas de Reis

Manuel Fariña, portavoz do BNG en Caldas de Reis, reafirmouse este martes no relato de feitos que xa fixera hai máis dun ano sobre a agresión sufrida nun monte de Saiar. Nesta ocasión, falou no xulgado, no xuízo contra o empresario da localidade acusado de agredilo, e, segundo sostivo ao remate, "reafirmouse punto por punto na denuncia efectuada".

O xuízo celebrouse este martes no Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número 1 de Caldas e aínda non se ditou sentenza, pero, independentemente do seu resultado, o seu partido, o BNG, xa anunciou que vai presentar un recurso. Farao porque está en desacordo coa cualificación xurídica que se fixo dos feitos.

"Non se pode xulgar por delito leve unha agresión a un cargo público en exercicio das súas funcións", critica o BNG, que sostén que Manuel Fariña foi agredido despois de denunciar, como concelleiro, verteduras ilegais de entullos nun monte de Saiar.

O empresario acusado nega que os feitos sucederan como sostén o portavoz local do BNG e no xuízo tamén saíron a relucir varias probas, entre elas, un parte de lesións de Manuel Fariña e unha serie de gravacións realizadas no momento dos feitos. 

Desde o BNG aseguran que o empresario, na súa declaración, tivo "numerosas contradicións" e Manuel Fariña reafirmouse nunhas declaracións xa realizadas nos últimos días, que "ningunha ameaza ou agresións vai facer que muden co seu labor de defensa da veciñanza, do medio ambiente e da calidade de vida dos homes e mulleres de Caldas de Reis.

Este martes, con motivo do xuízo, desprazáronse ata Caldas, en apoio a Manuel Fariña, o responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez, e o deputado Luís Bará.