Vilanova de Arousa quere situarse no circuíto nacional dos centros termais. Para iso, impulsa un centro de talasoterapia, situado no Terrón, que custará 1,8 millóns de euros.
A súa construción, no que a Deputación de Pontevedra achega a metade do financiamento, uns 900.000 euros, a través do Plan Extra, xa están en marcha.
O proxecto deseña un espazo que agrupa, nunha zona de equipamentos deportivos, a creación dun centro de talasoterapia e unha instalación deportiva anexa.
Será unha edificación de tres plantas que estará dotada cun vaso de recreo e con outro de chapoteo, así como unha sala multiusos, unha zona de vestiarios e unha zona de recepción.
Sobre os terreos nos que se levantará este centro, o presidente provincial, Luis López, destacou que este centro converterá a Vilanova nunha "referencia" neste sector.
"Proxectos como este contribúen desde o punto de vista deportivo, turístico e medioambiental, porque aquí se localizaba o antigo vertedoiro. Rexenerar esta zona con proxectos deste calado é motivo de satisfacción”, recalcou López.
Para o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, o deste luns é un "día grande" para o seu municipio e recordou que este proxecto vén de lonxe.
Ao longo do mandato, Vilanova de Arousa ten recibido de mans da Deputación, só a través dos distintos programas de cooperación, un total de 5,4 millóns de euros.