O CEP Riomaior de Vilaboa e os institutos de Poio e Cotobade, premiados polo compromiso coa convivencia

Poio
08 de decembro 2025

A Consellería de Educación resolve os premios ConviVimos e Tolerancia cero, que visibilizan o labor neste eido. Tamén leva un recoñecemento o IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía

CEP Riomaior, en Vilaboa
CEP Riomaior, en Vilaboa / CEP Riomaior

Tres centros educativos da comarca de Pontevedra lograron un recoñecemento no premio ConVivimos, co que a Xunta de Galicia recoñece o traballo e compromiso coa convivencia

Trátase do CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa), que acadou o segundo premio na categoría A, destinada a centros de educación primaria.

O instituto de Poio logra o segundo premio na categoría B, destinada aos centros de secundaria e o IES de Cotobade, en Cerdedo-Cotobade, o terceiro

Co premio ConVivimos, que vai pola terceira edición, a Xunta recoñece o traballo e compromiso de oito centros educativos galegos, tres na provincia de Pontevedra.

Con esta iniciativa, o Goberno galego quere destacar aquelas actuacións e proxectos desenvolvidos desde os centros educativos galegos que impliquen un alto grao de compromiso coa mellora da convivencia escolar e do benestar emocional, así como para visualizar o esforzo realizado polos centros neste eido.

Ademais, a Consellería de Educación acaba de resolver tamén o premio Tolerancia cero fronte ao acoso escolar.

Nestes galardóns, resultaron galardoados outros oito centros a razón de dous por provincia. O IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa logrou o primeiro premio na categoría de secundaria. 

A finalidade do galardón, que vai pola súa segunda edición, é promover a participación do alumnado en programas que estimulen a súa implicación no respecto aos dereitos humanos individuais e sociais a través de accións concretas de loita contra o acoso e o ciberacoso escolar e de coidado e acompañamento das vítimas.

Con ambos galardóns, o departamento educativo do Goberno galego dá cumprimento a unha das accións recollidas no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso, inxerido na Estratexia galega de convivencia escolar.