O municipio de Cerdedo-Cotobade foi escenario do encontro de lanzamento do proxecto europeo transfronterizo que ten como obxectivo promover a creación de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa en zonas do rural.
Trátase dunha proposta que busca producir enerxía de proximidade a partir do aproveitamento dos recursos dos montes da contorna. Estas comunidades inclúen redes de calor con biomasa complementadas con enerxía fotovoltaica nas aldeas modelo, promovidas pola Xunta de Galicia, en Parada-Mouteira (Cerdedo-Cotobade) e en Monterrei (Infesta), ambas contan cun orzamento de 700.000 euros con financiación de fondos europeos.
Ao acto acudían Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural; José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; ademais de Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, entre outras autoridades.
O proxecto, segundo os representantes da Xunta, aproveita a iniciativa das aldeas modelo co obxectivo de recuperar a terra agraria e buscar solucións que permitan unha mellora na calidade de vida da poboación rural no terreo da transición enerxética.
Estas comunidades centrarían o foco de abastecemento nas necesidades térmicas de vivendas e edificios públicos coa creación de pequenas redes de calor, fomentando as enerxías renovables e promovendo emprego local no ámbito da biomasa local forestal.