O Concello de Cerdedo-Cotobade anuncia a realización dun novo curso de formación na especialidade de "Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais".
O alcalde, Jorge Cubela, enmarcou esta acción no seu compromiso de mellorar a empregabilidade da veciñanza e de cara á futura apertura da nova Residencia de Maiores de Carballedo.
A acción formativa, organizada en colaboración coa empresa especializada Magnafor Qualitas SL, forma parte dos Cursos AFD (Acción Formativa para Desempregados) e contará con titulación oficial.
Terá unha duración de catro meses (450 horas) e desenvolverase entre outubro de 2025 e febreiro de 2026 nas instalacións municipais homologadas do Centro Cultural de Tenorio, en horario de mañá (de 9:00 a 14:00 h), de luns a venres.
As persoas interesadas deberán cumprir algún dos seguintes requisitos para acceder ao curso como son dispoñer de título de ESO ou equivalente; certificado de profesionalidade de nivel 2 ou de nivel 1 da mesma familia; acceso aos ciclos formativos de grao medio ou superación das correspondentes probas de acceso; proba de acceso á Universidade para maiores de 25 ou 45 anos ou ter superadas as competencias clave.
Este curso permitirá aos participantes optar a postos de traballo no sector sociosanitario en Galicia, especialmente en residencias de maiores.
O prazo de preinscrición estará aberto desde o 8 ao 31 de xullo de 2025. As persoas interesadas deberán solicitar cita previa e dirixirse á Oficina do Axente de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello chamando ao 986 75 30 06.
O alcalde, Jorge Cubela, anima a toda a veciñanza desempregada a aproveitar esta oportunidade de formación e inserción laboral xa que permite dispoñer de ferramentas efectivas para poder integrarse no mercado laboral relacionado con este sector que vai en auxe e que reclama profesionais ben formados.