Cerdedo-Cotobade demandará ao Sergas a recuperación do servizo de Pediatría

Cerdedo Cotobade
29 de novembro 2018

O pleno do Concello de Cerdedo Cotobade aprobou este xoves por unanimidade a moción presentada polo grupo local socialista para demandar a recuperación do servizo de Pediatría no municipio

Centro de Saúde de Tenorio Concello de Cerdedo-Cotobade

O pleno do Concello de Cerdedo Cotobade aprobou este xoves por unanimidade a moción presentada polo grupo local socialista para demandar a recuperación do servizo de Pediatría no municipio.

A moción vén avalada por máis de mil sinaturas recollidas polos socialistas.

A moción pide ao Concello a que inste ao Sergas non só a manter o servizo previo de Pediatría, senón a ampliar os horarios.

"Esta é unha pequena vitoria de todos, veciños e socialistas, que levamos tempo vendo como o prometido durante a fusión respecto ao mantemento e mellora de servizos queda reducido a fume e promesas baleiras", afirmou o coportavoz socialista Xoel Vázquez.

"Esperamos que agora, apoiada a demanda dos veciños polo grupo socialista e o equipo de goberno, o Sergas recule e nos devolvan os servizos. Non se pode xogar coa saúde dos nosos nenos", engadiu a portavoz do grupo municipal, Lina Garrido.

VIASCON

Por outra banda, o secretario municipal presentou na sesión plenaria a acta certificada do anterior pleno, onde se recolle claramente que o grupo municipal socialista votara a favor da paralización da obra do Ministerio de Fomento na estrada de Viascón antes de retirarse, "o contrario do que afirmou de maneira pública e notoria, tanto en pleno como nos medios, Jorge Cubela, acusando os socialistas, falsamente, de non votar e non apoiar aos veciños".

Neste pleno aprobouse por unanimidade esta acta "que reflexa a realidade e foi acatada polos populares, a pesar das mentiras de Jorge Cubela", sentenciou Lina Garrido.