O pasado verán coñeceuse a intención da Consellería de Sanidade de suprimir o servizo de Pediatría no Concello de Barro, polo que o alcalde mantivo unha reunión co xerente da área sanitaria na que lle pediu o mantemento dese servizo no Concello.
O xerente manifestoulle que non había nada decidido, pero nas pasadas semanas nunha reunión mantida por responsables de Sanidade con veciños de Campo Lameiro informáronlles de que o próximo ano os usuarios de Pediatría de Barro terán que asistir ao centro de saúde de Lérez.
Diante da preocupación existente por esas informacións coñecidas ultimamente sobre a supresión do servizo de Pediatría no centro de saúde de Barro, a noite do luns celebrouse unha reunión dos colectivos sociais do Concello, convocados polo alcalde, no que se acordou esixir á Consellería de Sanidade o mantemento deste servizo en Barro.
Pedirase de forma inmediata unha reunión co xerente para recoller información directa de cales son os plans da consellería, xa que ao Concello de Barro non se lle comunicou nada, e se deu esa información a veciños doutro municipio.
Nesa mesma reunión, todos os colectivos sociais manifestaron o seu apoio á petición de que se constrúa un novo centro de saúde, xa que consideran ao igual que o Goberno Municipal, que o edificio existente non reúne as condicións para a prestación dun servizo sanitario de calidade.