Os usuarios do Centro de Saúde de Barro amósanse indignados. Un dos médicos de atención primaria atópase de baixa e desde o Sergas non ofrecen unha solución que os veciños consideren positiva para cubrir a súa ausencia.
O facultativo leva ao redor de quince días de baixa e os pacientes foron asignados a outro médico, que só ten consulta dous días á semana: os martes e os mércores. Esta situación está a provocar esperas de longa duración e atrasos de máis dunha semana nas citas médicas.
O tenente de alcalde de Barro, José Sanmartín, advirte que o problema vai agravarse a vindeira semana cando a atención primaria quede reducida a un só día, o mércores. Reclama tamén que se manteña o servizo de pediatría ao comprobar que o Sergas estuda a posibilidade de retirar a consulta actual do especialista en atención a menores.
Ante este problema, os veciños organizaron unha concentración de silencio ante o Centro de Saúde durante este sábado 22. Con esta acción queren amosar a súa preocupación polo "falecemento" da sanidade pública no municipio. Esta concentración contou coa participación do equipo de goberno formado polo BNG e o PSOE, coa presenza do alcalde Xosé Manuel Abraldes e de José Sanmartín, portavoz socialista e tenente de alcalde.
Avisan tamén de que se o Sergas non ofrece unha solución, van convocar máis actos de protesta porque sinalan que o edificio onde se acolle o Centro de Saúde precisa dunha mellora integral ou que a consellería de Sanidade estude a posibilidade de construír un novo inmoble.