Cerdedo-Cotobade recorda a Antonio Fraguas no vixésimo aniversario do seu pasamento

Cerdedo Cotobade
20 de abril 2018

O Concello de Cerdedo-Cotobade impulsa o recoñecemento e posta en valor da figura do escritor, historiador e etnógrafo Antonio Fraguas, nacido en Loureiro en 1905, cunha serie de actos conmemorativos do vixésimo aniversario do seu falecemento

Presentación dos actos de homenaxe a Antonio Fraguas
Presentación dos actos de homenaxe a Antonio Fraguas / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade impulsa o recoñecemento e posta en valor da figura do escritor, historiador e etnógrafo Antonio Fraguas, nacido en Loureiro en 1905, cunha serie de actos conmemorativos do vixésimo aniversario do seu falecemento.

Esta programación desenvolverase durante o vindeiro ano e medio ata culminar en novembro de 2019 e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Fundación Antonio Fraguas.

A homenaxe e lembranza a Antonio Fraguas comezará o vindeiro martes 24 de abril cun acto que terá lugar, desde as 19.30 horas, no auditorio do Museo do Pobo Galego, unha entidade á que o intelectual cotobadés estivo moi vinculado, xa que foi presidente e director e adicoulle preto de corenta anos da súa vida e na que segue a estar moi presente, xa que é a sede da fundación que leva o seu nome.

Este acto, aberto a toda a cidadanía, contará coas intervencións de Jorge Cubela, Valentín García, Clodio González, biógrafo de Fraguas; Xusto Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas; e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. 

"Consideramos que o respaldo dos principais persoeiros e representantes da cultura galega supón un importante pulo para comezar a nosa andaina, de máis de 500 días, de posta en valor da vida e obra de Antonio Fraguas ", debullou Jorge Cubela.

Neste contexto, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, lembrou que Antonio Fraguas "é unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX e a súa traxectoria supón un orgullo para as terras de Cotobade e para toda Galicia, polo que a Xunta tiña que estar ao lado do seu Concello á hora de poñer en marcha estes homenaxes polo vinte aniversario do seu pasamento ".

Este arranque do vixésimo aniversario complementarase coa edición dunha ampla tirada especial de dípticos informativos sobre Fraguas que está destinada principalmente a distribuírse entre toda a veciñanza de Cerdedo-Cotobade co dobre obxectivo de que coñeza a unha das súas figuras máis destacadas e que se reforce paseniñamente a nova identidade local tras o proceso de fusión municipal.

Tamén se contempla o deseño e publicación dunha unidade didáctica que se lle entregará aos escolares de terceiro, cuarto, quinto e sexto curso de Educación Primaria dos tres colexios públicos do municipio para sementar na mocidade a repercusión da traxectoria de Fraguas. 

Este traballo tamén estará dispoñible nas bibliotecas públicas de Carballedo, Tenorio e Cerdedo e contará cunha versión dixital para que calquera usuario a poida descargar desde a páxina web do Concello.