María José Abilleira, concelleira do Rural, supervisou esta semana o avance das obras de mellora na parroquia de Cerponzóns, onde se está a executar unha intervención integral no acceso ao núcleo da Ermida.
Os traballos, adxudicados á empresa COVSA por un importe de 115.569,69 euros, centran o seu obxectivo na renovación da seguridade viaria e a calidade do firme nun tramo de 304 metros que comunica este lugar e o de Reiriz coa estrada N-550.
O proxecto técnico contempla a pavimentación da vía e o ensanche da plataforma na súa zona sur, unha manobra que require a construción de muros de contención e o retranqueo de postes de electricidade e telecomunicacións para gañar amplitude.
Para completar a mellora da infraestrutura, estase a proceder á renovación da rede de drenaxe de augas pluviais e á instalación de nova sinalización horizontal e vertical, así como de redutores de velocidade para protexer o tránsito peonil.
Como actuación engadida, o Concello aproveitou a execución da gabia para conectar á rede de saneamento a dúas vivendas da zona que permanecían illadas do sistema municipal.
En paralelo a estes traballos, o goberno local mantén en fase de licitación unha nova intervención en Cerponzóns destinada á ampliación da rede de sumidoiros no lugar da Meán.
Esta obra conta cun orzamento base de 123.775,32 euros e prevé dar servizo a un grupo de dez vivendas mediante un sistema de gravidade que conectará as canalizacións coa rede xa existente no lugar de Pidre.
O proxecto inclúe a instalación de tubaxe de PVC e a execución de pozos de rexistro cada 50 metros para facilitar o mantemento.
En total, o investimento municipal mobilizado para a modernización de servizos e infraestruturas viarias nesta parroquia supera os 230.000 euros.
Segundo explicou a responsable do Rural, estas actuacións responden ao compromiso municipal de dotar de servizos básicos, de xeito progresivo, ás vivendas que quedaran fóra dos proxectos globais de saneamento por dificultades técnicas.