A preocupación pola elevada sinistralidade no tramo da estrada N-550 entre as parroquias de Alba e Cerponzóns incremétanse tras rexistrarse dous novos accidentes en poucos días.
Veciñas e veciños, a través da Asociación O Chedeiro, levan anos demandando a construción dunha rotonda na intersección da estrada N-550 coa PO-225 para conectar coa estrada de Vilagarcía.
A veciñanza considera que a creación da rotonda é "imprescindible" para mellorar a seguridade tanto de condutores coma de peóns.
Juan José Esperón, secretario da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns, asegura que "isto é un perigo constante".
Segundo relata, "hai un medo crecente entre os residentes porque nunca saben en que momento poden atravesar a estrada sen risco de atropelo".
A situación "é insostible", subliña Esperón, quen lembra que tamén se produciron accidentes no tramo antigo xunto á Ponte Malvar, polo que insisten ante o Concello de Pontevedra e Estradas de Galicia para que acorden unha solución definitiva.
A velocidade excesiva de moitos condutores, que aproveitan para circular por este tramo a máis de 100 km/h, agrava o risco diario.
Entre as peticións inmediatas da veciñanza están a instalación de redutores de velocidade, pintado das liñas viarias e melloras da sinalización, pero recalcan que a construción da rotonda sería a medida que realmente sería determinante neste punto conflitivo.
A ruta constitúe, ademais, paso habitual para peregrinos do Camiño Portugués a Santiago e para escolares da zona, polo que reclaman "protección real para veciños, peregrinos e nenos que pasan todos os días por aquí".
